Tráfico confisca un vehículo por reiteración de delitos contra a seguridade viaria do seu propietario

Umia
04 de marzo 2022

O vehículo estaba en posesión dun amigo do titular, ao que llo prestou. Este condutor á súa vez resultou detido ao estar en  requisitoria por un xulgado con motivo dun delito de roubo con violencia e intimidación

Vehículo confiscado pola Garda Civil
Vehículo confiscado pola Garda Civil / Guardia Civil de Tráfico

O Grupo de Investigación e Análise de Tráfico do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, realizou un requirimento dun Xulgado de Pontevedra, para o comiso definitivo dun vehículo, motivado por reiterados delitos contra a seguridade viaria cometidos polo titular do mesmo.

Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, tras a realización de diversas xestións, os axentes localizaron ao vehículo en Caldas de Reis e conducido por un amigo do titular, xa que segundo o condutor do mesmo, este prestárallo.

Ao solicitarlle a documentación a esta persoa, actual condutor, un veciño de Portas, de 25 anos, resultou que sobre o mesmo pesaba unha  requisitoria por un xulgado de Pontevedra, con motivo dun delito de roubo con violencia e intimidación, polo que se procedeu á súa detención e posta ao dispor do Xulgado de Garda dos de Caldas de Reis, cuxa titular ditou un auto de ingreso en prisión, sendo trasladado posteriormente ao Centro Penal da Lama.

O vehículo foi trasladado a un centro autorizado de tratamento de vehículos ao final da súa vida útil, ao obxecto de proceder á destrución do mesmo.