A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou os expedientes de contratación para adxudicar dúas novas accións dos proxectos que promove a institución provincial: 'Da túa man' e 'Commerce Inside'.
Ambas as propostas desenvólvense con recursos dos fondos Next Generation da Unión Europea a través do Goberno estatal. O orzamento global supera os dous millóns de euros, cun 70% financiado pola axuda europea mentres que a Deputación achega un 15% e os Concellos o outro 15%. As iniciativas destínanse a 21 municipios da provincia.
Neste sentido realizarase un "gran contrato de máis de 940.000 euros", en palabras da presidenta Carmela Silva, con diversas actuacións para cada un dos programas.
'Commerce Inside' execútase en Bueu, Tui, Soutomaior, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados, Baiona, A Guarda, e O Grove, zonas turísticas nas que as persoas visitantes terán a posibilidade de coñecer e adquirir produtos locais. Para esta acción contrátase a instalación de tótems interactivos; a creación dunha plataforma de xestión de áreas comerciais; a xeración de contidos vinculados ao comercio en espazos turísticos; e despregamento de puntos wifi.
'Da túa man' xa se atopa en marcha con iniciativas como unha campaña de comunicación en soportes dixitais; tamén se contratou a mellora de espazos comerciais con zonas axardinadas de descanso e accesibilidade universal; e sinalización corporativa para o comercio de proximidade nos municipios que participan nesta iniciativa como son Poio, Ponte Caldelas, Meaño, Ribadumia, Silleda, O Rosal, Tomiño, Moaña, A Cañiza, Gondomar e Salceda de Caselas.
As accións de 'Da túa man' diríxense a impulsar a transformación dixital nos negocios. Está prevista a creación dunha plataforma de xestión de áreas comerciais e de contidos viencellados ao comercio en espazos turísticos.
Tamén se contratará, segundo a presidenta provincial, a subministración de packaging sustentable e reutilizable para eliminar o uso do plástico e o empaquetado que non sexa adecuado ambientalmente. Esta acción dispón dun orzamento de 435.000 euros. Tamén se contratarán os espazos de illas ecolóxicas, con paneis informativos e contedores, por valor de 353.804 euros.
Por último adxudicaranse tamén contratos para desenvolver cursos de inglés, francés e portugués para comerciantes; e de competencias dixitais e deseño de embalaxes sostibles.