Tramitan ante Costas a construción dun aparcamento no futuro polígono do Vao

Pontevedra
20 de febreiro 2018

O proxecto do novo polígono do Vao parece que, por fin, toma rumbo de cruceiro na súa tramitación. Ao tempo que os seus promotores solicitaron xa a preceptiva autorización comercial ante a Xunta de Galicia, tamén presentaron unha proposta para construír un aparcamento que afectaría, en parte, a terreos de dominio público de Costas

Infografía do proxecto do polígono comercial do Vao
Infografía do proxecto do polígono comercial do Vao

O proxecto do novo polígono do Vao parece que, por fin, toma rumbo de cruceiro na súa tramitación. Ao tempo que os seus promotores solicitaron xa a preceptiva autorización comercial ante a Xunta de Galicia, tamén presentaron unha proposta para construír un aparcamento que afectaría, en parte, a terreos de dominio público de Costas.

O goberno galego dirixiuse ao Concello solicitando un informe sobre a idoneidade da localización proposta polos promotores, a zona máis próxima á autoestrada AP-9.

Unha vez analizado polos técnicos municipais, o Concello informou de xeito favorable a este proxecto, ao entender que a área afectada xa non é recuperable ambientalmente. En todo caso, reiteran que é Costas quen debe autorizar ou non este aparcamento.

A concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, destaca que a maiores do servizo que prestaría esta área de aparcamento ao propio polígono, o goberno municipal cre que podería servir como un certo estacionamento de proximidade, xa que está conectado coa Xunqueira de Alba.

A comisión municipal desta área tamén analizou este martes a proposta de modificación de convenio urbanístico que o Concello remitiu á dirección xeral da ONCE e coa que se quere desbloquear a actual parálise.

A proposta que está sobre a mesa recolle que o Concello manterá a propiedade da residencia e o ximnasio da ONCE. Ademais, recuperará a parcela de Doce de Novembro e manterá o aproveitamento urbanístico da parcela da ONCE para abrir a cidade cara o sur e proxectar un vial que una a zona administrativa de Campolongo co ámbito do IES Torrente Ballester.

A ONCE manterá a súa actividade no colexio que o reformará para as súas necesidades e compensará ao Concello na urbanización dos terreos.

Arquivado en