Desde a concellería de Servizos Básicos Urbanos, baixo a dirección do concelleiro Xaquín Moreda, sinalan que a campaña de poda iniciada en novembro entra na súa fase final.
Ao remate dos traballos, fase prevista para o mes de marzo, trataranse máis de 550 árbores repartidas en arredor de corenta rúas da cidade.
Esta iniciativa que se acomete de maneira periódica considérase fundamental debido ás necesidades das propias especies.
Segundo Moreda, os traballos non só contribúen á seguridade das persoas, evitándose o risco de que ramas caídas poidan poñer en perigo aos transeúntes, senón que tamén melloran a saúde das árbores, favorecendo o seu crecemento e o desenvolvemento das distintas especies.
Ademais, a poda axuda a redirixir o crecemento das ramas, afastándoas das fachadas e das fiestras dos edificios, contribuíndo así á harmonía da zona urbana, indicou o responsable desta área urbana.
Aínda que estes traballos poidan ocasionar algunhas molestias aos peóns, Moreda subliña que se tratan de accións imprescindibles para optimizar a calidade dos espazos públicos da cidade.