Para o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, a conversión da antiga delegación de Facenda en San Francisco no novo Arquivo Histórico Provincial é "irreversible", aínda que recoñece que levará o seu tempo debido á súa complexidade.
"Esta é unha obra longamente demandada e toca iniciar un proceso que vai ser longo e complexo", sinalou Losada, que comparou esta rehabilitación coa realizada no convento de San Francisco de Ourense, reconvertido tamén no seu arquivo histórico.
Sostivo que este tipo de actuacións son "complicadas" desde o punto de vista técnico e arquitectónico e que "moitas veces dependen de factores que non se controlan desde a administración", polo que o subdelegado non quixo dar datas para estas obras.
O Ministerio de Cultura xa contratou a redacción do proxecto construtivo, que terá que estar finalizado nun prazo máximo de 42 meses. Por este traballo, o estudo Aybar Mateos Arquitectos cobrará 955.000 euros.
Trátase, sinalou o subdelegado, dunha cantidade "importante", que xustificou no feito de que debe abordar un proxecto "delicado" ao ter que manter a estrutura dun edificio declarado ben de interese cultural e destinalo a usos administrativos.

Aínda que xa sufriu "modificacións importantes" desde que se desamortizou da Igrexa, Abel Losada reiterou que en todo este proceso hai que ser "especialmente coidadosos".
O uso desta antiga delegación de Facenda como Arquivo Histórico Provincial está xa definido polo ministerio e "non hai ningún cambio", afirmou Losada.
Mentres tanto, o Goberno impulsou unha actuación de case 600.000 euros para a reparación da cuberta do inmoble, obras que executará a empresa Oreco Balgón, que terá un prazo de seis meses para realizalas.
Nos próximos días xa se instalarán as estadas na fachada principal para dar inicio a uns traballos que impedirán que o tellado se siga deteriorando por causa de desprendementos e filtracións mentres se avanza no proxecto de rehabilitación integral.
