Transición Ecolóxica convoca para este mércores a mesa de traballo sobre o futuro de ENCE

Pontevedra
19 de abril 2021

A vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera convocou a primeira reunión da mesa de traballo sobre o futuro da fábrica de Ence na ría de Pontevedra. A portavoz do goberno local do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, confirmou a participación do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores

Teresa Ribera, ministra para a Transición Ecolóxica
Teresa Ribera, ministra para a Transición Ecolóxica / Ministerio para a Transición Ecológica

A vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera convocou para o vindeiro mércores 21 de abril, ás 17.00 horas, en Madrid, a primeira reunión da mesa de traballo sobre o futuro da fábrica de Ence na ría de Pontevedra.

Teresa Ribera cumpre así o compromiso adquirido co comité de empresa da fábrica de Lourizán de habilitar "un espacio de diálogo, donde buscar fórmulas que den continuidad a los puestos de trabajo de Ence en Pontevedra".

A ministra anunciara a súa intención de convidar a participar nesta mesa de negociación á dirección da compañía pasteira, os representantes dos traballadores da factoría e os do sector de transportes e forestal e ás administracións implicadas.

A portavoz do goberno local do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, confirmou a participación do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores xunto ao director xeral de Urbanismo "para trasladar a posición que vimos mantendo desde hai máis de 20 anos neste concello".

Gulías lembrou que para o Concello o traslado da fábrica "é unha cuestión de necesidade imperiosa" por tres motivos básicos, primeiro por "calidade democrática" que ten que ver coa concesión dunha "prórroga fraudulenta". A este argumento engaden unha "cuestión de equidade" xa que "non pode ter esta factoría un tratamento diferenciado do resto de empresas e de industrias da nosa comarca" e finalmente apuntou a recuperación para a cidadanía duns terreos públicos e a "garantía e seguridade" no medio ambiente.

A portavoz municipal indicou que Fernández Lores participará nesa mesa de traballo coa "vontade firme de reclamar formalmente a quen ten competencias no asunto que tomen unha determinación sobre o traslado efectivo" e farao "escoitando a todas as partes pero mantendo firme nosa posición".

Por parte da Xunta asistirá a esta reunión o conselleiro de Industria e vicepresidente segundo do goberno galego, Francisco Conde, como el mesmo confirmou este luns nunhas declaracións en San Caetano.

Francisco Conde dixo que nesta xuntanza a Xunta "trasladará unha mensaxe clara" para que "o Goberno poida rectificar" e durante a tramitación no Senado "poida suprimir" o artigo 18 da Lei de Cambio Climático "que entendemos que supoñería establecer unha data de peche na planta de Ence".

"Nós entendemos que temos que dar unha solución desde o punto de vista da viabilidade e continuidade da planta de Ence", engadiu o conselleiro. 

Conde insistiu en que "entendemos que á marxe do proceso xudicial que está aberto na Audiencia Nacional o que non podemos é ter unha lei que establece unha data de peche dunha empresa".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora