O Concello de Cerdedo-Cotobade manterá o vindeiro curso académico o Servizo de Interese Municipal (SIMUS), destinado ao traslado do alumnado dos institutos da Xunqueira, en Pontevedra, despois de comprobar que existe unha demanda suficiente entre as familias do municipio.
A continuidade deste recurso quedou confirmada tras unha reunión convocada polo goberno local coa participación das familias usuarias e doutras interesadas en incorporarse ao servizo.
Segundo explicou o alcalde, Jorge Cubela, o obxectivo do encontro era coñecer directamente o nivel de interese existente para avaliar a viabilidade da iniciativa. Finalmente, 34 familias manifestaron a súa intención de seguir empregando este transporte, unha cifra que garante a súa permanencia.
Na xuntanza tamén estiveron presentes o responsable do Servizo de Mobilidade da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, Manuel Santano, así como representantes das empresas concesionarias encargadas do transporte, García Castro e Viuda de Cándido.
Cubela destacou a importancia de manter unha comunicación directa cos usuarios para adaptar os servizos ás necesidades reais da veciñanza. Neste sentido, agradeceu tanto a participación das familias como a colaboración da ANPA do instituto na organización do encontro, subliñando que a resposta obtida evidencia a utilidade do SIMUS para o alumnado e os seus fogares.
O rexedor tamén puxo en valor a cooperación entre administracións para facer posible o proxecto. Así, lembrou que a Xunta de Galicia contribúe mediante o financiamento da Tarxeta Xente Nova, mentres que o Concello asume a parte correspondente do copagamento co fin de evitar que o custo económico supoña unha dificultade para as familias.
Desde o goberno local consideran que este servizo se consolidou como unha ferramenta de apoio á comunidade educativa, ao facilitar os desprazamentos diarios do alumnado, favorecer a conciliación familiar e contribuír á igualdade de oportunidades no acceso aos estudos.
O SIMUS foi impulsado polo Concello de Cerdedo-Cotobade en colaboración coa Xunta de Galicia para mellorar a conexión entre as distintas parroquias do municipio e os centros educativos da Xunqueira. Na actualidade, o dispositivo conta con dúas liñas específicas.
A principal funciona de luns a venres lectivos, con saída ás 7.10 horas desde Dorna e percorrido por diferentes puntos do municipio ata chegar á Xunqueira. O regreso realízase ás 15.10 horas, permitindo ademais a conexión con outros servizos de transporte integrado en Tenorio para facilitar a distribución do alumnado cara ás distintas zonas de Cerdedo-Cotobade.
Como complemento, os martes pola tarde mantense unha ruta específica para a área de Carballedo, que parte de Ponte Bora ás 15.20 horas e percorre distintas localidades da contorna ata finalizar o seu traxecto nesta parroquia.