Transportistas de Galicia e Asturias suspenden o servizo a ENCE por unha "drástica redución das tarifas"

Pontevedra
26 de outubro 2025
Actualizado: 20:04

A asociación Vieiros, Unidade Galega de Transportistas, e que agrupa a 300 pemes e autónomos do sector do transporte insta á empresa a convocar unha mesa de negociación "inmediata"

Camión de madeira entra a Ence / ARQUIVO
Camión de madeira entra a Ence / ARQUIVO / Mónica Patxot

A asociación VIEIROS Unidade Galega de Transportistas fixo público este domingo a través dun comunicado a decisión de transportistas de Galicia e Asturias de suspender o servizo a ENCE debido a unha "drástica redución das tarifas".

Esta decisión, adoptada nunha asemblea celebrada en Asturias o pasado día 23 de outubro, afecto tanto á fábrica da pasteira en Pontevedra como á de Navia.

"ENCE pretende impor de modo unilateral e abusivo unha dráctica redución das tarifas polos servizos de transporte de abastecemento de madeira do monte ás súas fábricas de Pontevedra e Navia aos transportistas galegos e asturianos que lle veñen prestando estes servizos", explica a Unidade Galega de Transportistas, asociación que agrupa a 300 pemes e autónomos do sector.

"Non se pode cualificar doutra forma distinta que de brusca a baixada que se pretende impor, que en función das rutas e recorridos oscila entre un mínimo dun 5% e un máximo dun 11%", aseguran.

Denuncian ademais que se chega a esta situación tras unha "imposición unilateral exercida por ENCE sen abrir un proceso de negociación previo".

"Neste sentido débese saber que a empresa citou hai moi poucos días a varios transportistas de cada unha das fábricas a unha reunión para comunicarlles (en ningún caso negociar nin acordar) a súa nova táboa tarifaria, pero outros moitos decatáronse da pretensión do cambio de condicións da fábrica a través dun simple correo electrónico no que se comunicaba a nova táboa tarifaria que unilateralmente trata de impor, o mesmo día 23 en que entraba en vigor", acusan os transportistas.

Ante esta situación instan á empresa a convocar unha mesa de negociación "inmediata" e que esta sexa "efectiva e de boa fe".

A asociación conluye o seu comunicado facendo un "chamamento de solidariedade ao resto do sector do transporte por estrada para apoiar activamente as xustas demandas e reivindicacións dos transportistas galegos e asturianos".