CCOO non descarta "absolutamente ningún escenario de loita" contra os despedimentos nas auxiliares de ENCE

Pontevedra
20 de outubro 2025
Actualizado: 14:17

O vindeiro xoves 23 de outubro secundarán a protesta convocada polo comité de empresa de Ence. Responsabilizan "directamente" destes despedimentos a Ence e os seus "plans demenciais de recortes"

Luis Rodas, Omar Vázquez e Sebastián Pérez
Luis Rodas, Omar Vázquez e Sebastián Pérez / PontevedraViva

O sindicato CCOO está en pé de guerra contra a pasteira ENCE e, ante os últimos despedimentos de traballadores de empresas auxiliares, anuncian que "non descartamos absolutamente ningún escenario de loita", desde mobilizacións de protesta a folgas.

De momento, o vindeiro xoves 23 de outubro secundarán a protesta convocada polo comité de empresa de Ence ás 13.45 horas na portaría da fábrica.

O secretario xeral de CCOO de Pontevedra, Omar Vázquez; o secretario xeral da Federación de Hábitat de Pontevedra, Luís Rodas; e o delegado de CCOO en Eulen, Sebastián Pérez, compareceron este luns ante os catro últimos despedimentos da auxiliar Eulen.

Responsabilizan "directamente" destes despedimentos a Ence e os seus "plans demenciais de recortes" e insisten en que se este é o camiño que escolle a dirección de Ence, "o da destrución de postos de traballo, o da precarización das condicións laborais e o do nulo compromiso coa comarca onde se asenta" teranos en fronte "coa mesma contundencia que defendemos a permanencia".

Nese "plan de recortes" inclúen a catro traballadores de Eulen e a outros catro do servizo médico xa realizados o último mes e falan dunha tendencia xa consolidada nos últimos meses.

A preguntas dos medios de comunicación, Omar Vázquez recoñeceu que nas empresas auxiliares se senten "desde logo" utilizados pola empresa para defender a permanencia en Lourizán. Insisten en que eles defenderon en todo momento os postos de traballo, non á empresa, de modo que teñen "a conciencia tranquila", pero, unha vez que a loita sindical e social axudou a conseguir a permanencia, senten que a empresa os utilizou.

Así, cren que durante anos Ence utilizou a prórroga para a súa permanencia na Ría de Pontevedra como "escusa para todo" e "cando a conseguimos, acabouse esa escusa" e "a empresa queda exposta directamente ante nós".

En todo caso, eles insisten en manterse na loita, "o único que cambia é a fronte de loita". Omar Vázquez lamenta que "o que si é verdade é que os traballadores de Ence sempre temos algún problema, veña de fóra ou de dentro".

Vázquez lembrou que os traballadores auxiliares da fábrica estiveron sempre "en primeira liña" de loita pola permanencia, "aínda a pesar de ter que sufrir cada día un trato déspota e miserable por parte de Ence no seu traballo, con total indefensión e represalias cando reclaman os seus dereitos máis básicos".

Desde CCOO reiteran que non van "tolerar nin un só despedimento, nin un só recorte, nin un só accidente, nin unha soa vulneración máis dos dereitos dos traballadores" e, ante esta segunda quenda de compañeiros que se vai á rúa só neste mes, estarán en pé de guerra.

No caso de Eulen, indican que "o único certo" das cartas de despedimento é que "a motivación é un plan de recortes de Ence".

VERSIÓN DE ENCE

A empresa volveu insistir este luns en que "continúa avanzando na optimización dos seus procesos e recursos", co obxectivo de reforzar a competitividade do seu negocio de celulosa e, no ámbito de colaboración con provedores, "está a impulsar iniciativas para mellorar a eficiencia operativa".

Os despedimentos enmárcanos nese traballo, indicando que a empresa responsable do servizo de limpeza "estableceu melloras nos seus procesos, métodos e medios de limpeza", o que permitiu automatizar e optimizar os servizos ofrecidos polo provedor.

Aseguran que "en ningún caso reduciuse o alcance", senón que este tipo de iniciativas enmárcanse dentro de plan global de Ence para "optimizar custos a través de automatización e dixitalización, revisión e optimización de procesos, eliminación de ineficiencias ou redistribución de funcións".

SOBRECARGA DE TRABALLO

Omar Vázquez discrepa deste argumento e insiste en que "facer mobilizacións de limpeza exprés cando hai visita da Inspección ou paseos da dirección, mentres o resto de días o persoal traballa entre residuos, tóxicos e acumulacións de merda que provocan incendios e accidentes, non é optimizar procesos".

Fala tamén de "aumentar a sobrecarga de traballos, acosar os traballadores nunha carreira contrarreloxo, ou presionalos para que incumpran a normativa de prevención de riscos" ou de "obrigalos a que realicen funcións que non lles corresponden, desde camioneiros traballando de limpadores a limpadores traballando de fogoneros da caldeira"

No contrato entre Ence e Eulen figuran 26 traballadores e estes catros forman parte do persoal fixo da fábrica. En xaneiro houbo un reforzo, pero CCOO asegura que non conseguiron transparencia á hora de saber exactamente canto persoal ten a auxiliar na factoría.

Tamén falan de situacións que consideran "o colmo da broma" como o despedimento dunha compañeira que limpaba oficinas, salas de control, vestiarios, aseos, duchas, laboratorios e áreas de persoal en xornadas extenuantes, "porque se compraron unha aspiradora roomba de oferta".