Trasladar Zara de Benito Corbal a Michelena, entre os plans de Inditex para Pontevedra

Pontevedra
05 de maio 2023

A compañía confirma que é unha posibilidade que está sobre a mesa e que están a negociar sobre ela. En todo caso, aclaran que a operación non está pechada. Patrimonio non autorizou a derriba do edificio do número 11 de Michelena. Barállase a posibilidade de realizar unha derriba parcial mantendo a fachada

Edificio de Michelena, 11
Edificio de Michelena, 11 / Mónica Patxot

O proxecto urbanístico que implica a demolición de edificio do número 3 da rúa Gutiérrez Mellado e o 11 da rúa Michelena e das Galerías Oliva pode supoñer o traslado da tenda de Zara a esta última rúa.

Sería para instalarse no inmoble que fai esquina entre ambas as vías, deixando atrás a súa histórica localización na rúa Benito Corbal

O Zara de Benito Corbal foi a primeira tenda de Inditex en Pontevedra e, con este traslado, a multinacional apostaría por un cambio da súa localización habitual, que ata o de agora se centraba en Benito Corbal e a súa contorna e agora trasladaría o seu eixo cara a Michelena

De momento, a compañía non confirmou ao 100% ese traslado, pero si que é unha posibilidade que está sobre a mesa e que están a negociar sobre ela

O rumor leva semanas circulando por Pontevedra, aínda que ata o de agora non se oficializara. Este venres, tras adiantalo La Voz de Galicia, a compañía recoñeceu que si forma parte dos seus plans. A multinacional téxtil asegura, en todo caso, que a operación non está pechada.

Os promotores da derriba parcial das Galerías Oliva solicitaron no seu día permiso para demoler este edificio do número 11 de Michelena. O departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia non autorizou esta operación ao entender que este inmoble está afectado pola protección do Ben de Interese Cultural (BIC) da basílica da Peregrina.

Nos últimos meses, barállase a posibilidade de realizar unha derriba parcial mantendo a fachada.

O edificio situado no número 3 de Gutiérrez Mellado si está xa desde esta semana en proceso de demolición