Tratamentos "aberrantes" dos residuos causaron xa 16 sancións en Pontevedra este 2026

Pontevedra
28 de abril 2026

A Policía Local actuou contra casos "flagrantes" de mala xestión dos residuos, relacionados con centros sanitarios, empresas e hostalaría, ademais dun particular

Colectores de residuos en Pontevedra
Colectores de residuos en Pontevedra / Antía Quinteiro García

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, informou este martes dos primeiros resultados dunha estratexia que combina a asistencia técnica aos grandes produtores coa man firme da Policía Local ante os incumprimentos máis evidentes do lixo.

Entre o 1 de xaneiro e o 22 de abril, o servizo de inspección tramitou un total de 16 denuncias por infraccións graves, con multas que oscilan entre os 750 e os 1.500 euros.

Esta ofensiva contra o mal uso dos contedores de residuos non busca, en palabras do edil, perseguir o pequeno erro do cidadán particular, senón corrixir comportamentos "aberrantes" e realizados por "pura comodidade" que prexudican o esforzo colectivo.

As denuncias tramitadas nestes primeiros meses do ano afectan a sectores moi diversos. Segundo detallou Mosquera, o rexistro inclúe a centros médicos sanitarios, clínicas veterinarias, restaurantes, empresas de obras, un bazar e mesmo un caso dun particular.

A tipoloxía das infraccións amosa unha falta de civismo que Mosquera cualifica de inaceptable con estes casos para tramitar:

  • Abandono de residuos (7 casos): Bolsas depositadas fóra dos colectores a pesar de que estes, nalgúns casos, se atopaban baleiros. Nunha das situacións, un particular negouse a recoller o lixo tras ser instado a facelo.

  • Separación incorrecta grave (8 casos): Situacións onde se mesturaron materiais de xeito incompatible, como a vertedura de entullos de obra en colectores de papel ou vidro, ou o depósito de capachos de vidro no contedor marrón destinado aos biorresiduos.

  • Limpeza de espazos (1 caso): Unha sanción vinculada á falta de limpeza dunha terraza tras os avisos previos.

Malia que Mosquera evitou dar nomes concretos por cuestións de protección de datos e "dignidade" administrativa, subliñou que algunhas destas situacións son especialmente destacable dada a natureza da actividade profesional dos implicados.

Unha das novidades máis salientables neste novo escenario de control é a colaboración activa do persoal de PreZero, a empresa concesionaria do servizo de limpeza.

Nova maquinaria do servizo de limpeza viaria do Concello de Pontevedra
Maquinaria do servizo de limpeza viaria do Concello de PontevedraPontevedraViva

Máis dun centenar de operarios que traballan a diario a pé de rúa están a dar aviso á Policía Local cando detectan infraccións graves.

Para o concelleiro, este apoio é fundamental, xa que os traballadores son quen mellor coñecen os puntos críticos onde os colectores se enchen de forma indebida ou onde se repiten as prácticas incívicas. Esta coordinación permite que a disciplina no servizo sexa moito máis efectiva.

"Non é de recibo que uns estean facendo o esforzo de facelo ben e outros estean dando mal exemplo ou desfacendo o traballo da maioría", concluíu o edil, quen agarda que estas 16 sancións sirvan de aviso para garantir que o sistema de reciclaxe de Pontevedra funcione con rigor e xustiza.

Paralelamente ás sancións, o Concello iniciou un programa de visitas a grandes produtores de residuos para asesoralos sobre como tratar os refugallos máis complexos. Ata o momento realizáronse máis de 70 visitas, cun ritmo que permite prever que se acadará o obxectivo de entre 800 e 1.000 inspeccións anuais.

Mosquera recoñeceu que esta iniciativa é necesaria para emendar a falta de información que sofren todos os concellos sobre certos fluxos de residuos. Actualmente, a administración local descoñece que cantidade de alimentos se desvían a entidades sociais antes de caducar ou canto aceite se recicla.