Trece empresas optan a construír a senda peonil entre Bagüín e Seixo

Marín
25 de xaneiro 2021

O proxecto inclúe a implantación dun paseo peonil e ciclista dun quilómetros de longo, así como a implementación dun novo paso de peóns con semáforo e a mellora da seguridade viaria no acceso á praia de Aguete

Visita aos terreos da nova senda peonil da PO-551 entre Bagüín e Seixo
Visita aos terreos da nova senda peonil da PO-551 entre Bagüín e Seixo / Xunta de Galicia

Trece empresas poxan por executar a senda peonil e ciclista entre Bagüín e Seixo, en Marín. Este proxecto conta cun orzamento de 675.000 euros e comezará no segundo trimestre do ano co obxectivo de tela terminada antes de que conclúa o 2021. 

Trátase dun roteiro de case un quilómetro de longo e un mínimo de 1,80 de ancho polo lado dereito da estrada PO-551. Pavimentado en formigón coloreado, o paseo contará tamén cunha pequena estrutura en voladizo na zona onde existe unha obra de paso. Ademais, para facilitar o cruzamento entre a senda existente polo lado esquerdo está previsto implantar un paso de peóns con semáforo pulsador antes da parada de autobús.

No marco deste proxecto tamén se contempla a mellora do acceso á praia de Aguete, ampliando a plataforma da estrada co obxectivo de facilitar as manobras e reforzar a mobilidade e seguridade viaria.

Este itinerario súmase a outros en servizo neste municipio como o que conecta Vilaseca e Lapamán, na mesma estrada; ou o de Coirados con Pardavila, na PO-313. 

Estes paseos enmárcanse no plan de sendas da comarca do Morrazo, que recolle a execución de roteiros peonís seguros, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento superior aos 4,5 millóns de euros, cofinanciados con fondos FEDER 2014/2020.