A Policía Local de Pontevedra denunciou esta fin de semana a trece persoas por incumprir o toque de queda, decretado entre as 23.00 horas e as 06.00 horas polo aumento da incidencia da covid-19 no noso país.
Este é un dos principais datos que recolle o balance das actuacións que a Policía Local desenvolveu nos últimos días, ante a celebración do Samaín e do día de Defuntos, para garantir o cumprimento das restricións aprobadas para Pontevedra.
Outros once pontevedreses, segundo traslada o goberno municipal, foron denunciados por non levar a máscara, elemento de protección obrigatorio para todos os cidadáns.
Ademais, dous locais de hostalería foron sancionados por acoller nas súas interior reunións entre persoas non conviventes e sen as debidas distancias de seguridade.
Dentro deste operativo, a Policía Local tamén localizou e denunciou a cinco mozos que estaban a realizar un botellón na vía pública, no barrio dos Salgueiriños.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que a Policía Local desenvolveu nos últimos días unha vixilancia especial sobre unha vintena de locais de hostalería e restauración, tanto da cidade como do ámbito rural.
Todos eles, segundo Gulías, foran avisados ou denunciados nalgunha ocasión por incumprir as restricións. Os axentes, neste caso, non observaron reincidencia neles.
"A hostalería salvo contadas excepcións está cumprindo as medidas impostas pola Xunta de Galicia", sinalou a concelleira, que agradeceu a sensibilización tanto deste colectivo como dos propios veciños de Pontevedra.