Tres adultos e un menor, trasladados ao hospital por un incendio en Bueu

Bueu
01 de novembro 2025
Actualizado: 10:02

Necesitaron atención por inhalación de fume nunha vivenda que ardeu a primeira hora deste sábado na avenida de Marín. Eran tres membros dunha mesma familia e un axente da Garda Civil

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Mónica Patxot

Catro persoas, unha delas menor de idade, tiveron que ser trasladadas ao hospital por inhalación de fume tras un incendio nunha vivenda en Bueu á primeira hora deste sábado.

Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, un dos habitantes do piso chamou ás 6:45 horas informando de que a súa vivenda estaba a arder na avenida de Marín.

O alertante xa indicaba que no seu interior había persoas tentando saír. En concreto, un dos veciños do terceiro piso tiña dificultades para abandonar a vivenda debido á intensa presenza de fume, que entraba no domicilio cada vez que abría a porta.

Como consecuencia do suceso, tres persoas da familia onde se orixinou o incendio tiveron que ser trasladadas a centros hospitalarios por síntomas compatibles coa inhalación de fume.

En concreto, unha muller de 36 anos e unha menor foron derivadas ao Hospital Provincial de Pontevedra, mentres que un home de 41 anos foi trasladado ao Hospital Montecelo.

Ademais, un axente da Garda Civil de 41 anos resultou tamén afectado por inhalación de fume e tivo que ser derivado a Montecelo.

Tras finalizar a súa intervención, os bombeiros informaron de que unha habitación da vivenda afectada ardeu por completo e que o resto do piso sufriu importantes danos pola calor e a auga.

Ademais, outros pisos do edificio víronse afectados polo fume acumulado.

Segundo a información facilitada por Urxencias Sanitarias de Galicia-061, até o lugar trasladáronse tres ambulancias e persoal sanitario da PAC de Bueu.