Un total de tres empresas presentaron oferta para executar o proxecto de reforma integral do edificio Multiusos de Portonovo.
Trátase das firmas Citanias Obras y Servicios, Construcciones Castro Figueiro e Oreco Balgón, que optan a un contrato licitado polo Concello de Sanxenxo por un importe de 1.257.621 euros e cun prazo de execución de nove meses.
O inmoble, construído en 1989, conta cunha superficie de 903 metros cadrados e presenta importantes deficiencias tanto en materia de accesibilidade como de illamento.
A súa localización, en pleno centro da vila de Portonovo, xunto co bo estado da súa estrutura e as amplas posibilidades de uso, levaron ao goberno local a apostar pola súa rehabilitación integral.
A actuación permitirá recuperar o edificio como sede dos Servizos Sociais municipais, ademais de dotalo de espazos para usos sociais, educativos e culturais.
O proxecto conta cunha subvención de 900.000 euros procedente do Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra.
A reforma contempla unha nova redistribución das plantas para mellorar a funcionalidade e a accesibilidade. Tanto a escaleira como o ascensor chegarán á planta semisoto, que pasará a ser o acceso principal ao edificio.
Nese nivel situarase o control e a recepción de persoas usuarias, así como un amplo espazo libre e flexible de carácter multiusos, destinado á celebración de actos, exposicións e presentacións tanto do Concello como das asociacións locais.
Na planta primeira, á que se accederá desde a rúa lateral grazas ao dobre embarque do ascensor a 180 graos, habilitarase un espazo multiusos acondicionado acústica e termicamente para eventos puntuais, públicos ou privados.
Este espazo contará cunha grada retráctil, un pequeno escenario e zona de almacenamento, o que permitirá acoller actividades como representacións teatrais, clases de baile, ioga ou pilates. Nesta mesma planta crearase tamén unha sala multiusos con pequena cociña para a impartición de cursos de cociña.
A seguinte planta destinarase integramente ao departamento de Servizos Sociais, con oito despachos para traballadoras sociais, psicólogas e o Centro de Información á Muller (CIM), ademais dun posto de control e información, unha zona de espera para usuarios e unha sala de reunións para o persoal.
Na planta segunda situaranse as aulas de educación para persoas maiores, xunto co despacho do profesorado e unha aula técnica dotada de medios informáticos e audiovisuais para a realización de cursos formativos.
Finalmente, na planta baixo cuberta, á que tamén chegarán escaleiras e ascensor, manterase o uso como sala de estudos, con capacidade para arredor de 20 usuarios, priorizando a iluminación natural e o confort acústico.
