Tres horas, oito quilómetros, teatro, música e moita historia. Foron os ingredientes do plan organizado este domingo pola asociación Salcedo Norte.
O colectivo organizou o roteiro aberto ao público ‘Castelao en Salcedo’ dentro da programación do 'Ano Castelao' organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración con diferentes entidades locais.
Contou coa participación de representantes municipais, entre eles, o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez.
Teatralizado e musicado, o roteiro permitiu aos participantes coñecer a relación entre Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Pontevedra e a parroquia de Salcedo.
Houbo música ao vivo, representacións teatrais, lendas populares, anacos de historia e descubrimentos sorprendentes.

A actividade iniciouse na praza de San Xosé e rematou no centro social sur tres horas despois. Un percorrido de 8 quilómetros de dificultade media.
A asociación destaca a sua especial ilusión ao participar dentro da programación do Ano Castelao, na que a veciñanza e o movemento asociativo son os grandes protagonistas. "É un orgullo para nós formar parte desta homenaxe colectiva" indican.
Foi, en palabras dos organizadores, un roteiro "cheo de vida e memoria".
