Mextrópoli 2018, o Festival de Arquitectura y Ciudad, que se celebra en Cidade de México xa recibiu a Pontevedra. Trátase dunha cita internacional do sector ao que asisten arredor de 55.000 persoas dende o pasado xoves e no que está centrado toda a cidade. Non é para menos, xa que é un dos eventos máis importantes neste eido de América Latina.
A axenda de Pontevedra comezou esta madrugada (17.00 hora local) coa participación do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha mesa redonda baixo o título "Urbanizar sin gentrificar: transformación inclusiva de la ciudad".
Nela abordouse un dos grandes problemas das grandes cidades de hoxe en día co progresivo e consciente abandono e empobrecemento de barrios das cidades, que despois son recuperados, a prezo de saldo, polas capas sociais e económicas con máis recursos.
Neste tema, o alcalde defendeu a existencia do Estado como a administración encargada de repartir a riqueza e frear o crecemento desigual que supón unha incorrecta política urbanística.
Lembrou que Pontevedra dispón dunha normativa urbanística que se basea, entre outras moitas cousas, nos conceptos de cargas e beneficios, é dicir, que aqueles que queiran urbanizar devolverán -en forma de rúa, parque ou mobiliario urbano- aos veciños arredor do 60% dos beneficios que obterán con esa licenza urbanística que se lle outorga.
Explicou que, ademais da actuación regulada do Urbanismo, tamén existe unha pata fundamental para loitar contra esas desigualdades que forzan a xentrificación: as decisións políticas.
"Eu creo no poder transformador da política. E nos políticos que empregamos ese poder para mellorar as cousas para todos", dixo, e por iso defendeu a liberalización do espazo público da cidade, xa que é o lugar de encontro de todos os veciños independentemente da capacidade económica que teña cada un".
Este luns, Fernández Lores dará unha nova conferencia ás 10.10 horas (cinco da tarde en España) sobre a cidade de Pontevedra. Será no Teatro Metropólitan, a sede central das conferencias que se imparten en Mextrópoli.
Xa para o martes, o último día que a delegación de Pontevedra estará en México está incluída a sinatura dun memorando de colaboración coa Secretaría de Desenvolvemento Económico do Estado de Cidade de México para fomentar o crecemento de oportunidades entre ambas cidades.
En principio, este memorando formalizarase en cinco áreas de cooperación. Dentro do desenvolvemento económico, por exemplo, aparecen referencias como a promoción de acordos para negocios e inversións, misións comerciais, xerar espazos de promoción ecónomica, compartir información e brindar asesoría, promocionar o turismo ou o apoio á inversión directa.
Ao saír do encontro co secretario de Desenvolvemento Económico de Cidade de México, e antes de coller o avión de volta, o alcalde e a concelleira Anabel Gulías visitarán a Casa de Galicia na capital azteca, a petición da súa directiva.