Unha ampla e variada programación cultural chegará este verán ás sete parroquias de Sanxenxo.
O concelleiro de Cultura e Eventos, Xoán Pérez, presentou este venres as actividades, que se prolongarán desde o 3 de xullo até finais de setembro, e que incluirán propostas para todos os públicos combinando espectáculos, tradición, música, cine e actividades xuvenís.
Entre as citas destacadas figura o III Ciclo Internacional de Maxia de Sanxenxo, con cinco actuacións, e o ciclo Cine na Rúa, que levará proxeccións ao aire libre como 'Buffalo Kids', 'Wallace y Gromit', 'Odio el verano', 'Rondallas' o 'La familia Benetón'.
A música tampouco faltará, con máis dunha vintena de actuacións no marco dos Tardeos Musicais e os Concertos na Rúa, repartidos entre Sanxenxo e Portonovo.
A iso súmanse oucho grandes espectáculos centrados na cultura galega, con nomes como The Crass, O Camiño do Amor, Queiman e Pousa, Coribantes, Óscar Ibáñez, Xurxo Fernandes, Brath ou Quimera.
O programa tamén inclúe tradición con eventos como Portugal no Camiño, a Muiñada Soalleira de Dorrón, a Feira de Produtos Galegos, o Certame de Pintura Rápida ou as Xornadas Sanxenxo na Historia.
En paralelo, haberá espazo para a cultura urbana e o público novo con iniciativas como Urban Feira, o Oceanis Festival, o Campeonato Mundial de Colchonetas ou a Milla Vila de Sanxenxo.
As festas gastronómicas e populares volverán ser outro dos grandes atractivos, cunha ducia de citas repartidas por todo o municipio, entre elas a Festa da Ostra de Noalla, a Feira da Cebola, a Festa Ye-Yé de Bordóns ou a Concentración Mototurística Internacional Rías Baixas.
O calendario complétase con exposicións como Viaxe ao Sanxenxo de 1900, Rostros u Ollares na Rúa; espectáculos de circo; narración oral; clown ou maxia, co Festival Atlántica ou a Gala Sanxenxo Maxia Festa.