O paseo de Silgar segue avanzando cara a un modelo con maior protagonismo para os peóns.
O Concello de Sanxenxo completou unha nova fase das obras de empedrado no tramo comprendido entre as rúas Ourense e Rosalía de Castro, unha actuación que leva aparellada unha importante reorganización do tráfico no centro urbano e a creación de novas prazas de aparcadoiro nas vías próximas.
A principal novidade é a restrición da circulación de vehículos nesta zona do paseo marítimo, un dos espazos máis emblemáticos e transitados do municipio.
A partir de agora, só poderán acceder os residentes con garaxe, os vehículos vinculados a servizos de hostalaría e comercio, os taxis e outros autorizados. O obxectivo é reducir o tráfico innecesario e consolidar o carácter peonil dunha das áreas máis concorridas da vila, especialmente durante a tempada estival.
A ampliación da plataforma empedrada forma parte da estratexia municipal para continuar humanizando a fronte marítima e favorecer a actividade comercial e turística de Silgar.
A experiencia da primeira fase, executada en anos anteriores, serviu de base para estender un modelo que prioriza os desprazamentos a pé sen renunciar á accesibilidade de veciños e servizos.
Paralelamente, o Concello acometeu unha reordenación da circulación en distintas rúas de Sanxenxo e Portonovo co fin de mellorar a mobilidade e compensar as restricións no paseo.
Como resultado, incrementáronse as prazas de estacionamento dispoñibles na contorna, alcanzando as 487 prazas rotatorias e gratuítas. A elas súmanse 33 espazos destinados a carga e descarga, tres paradas de autobús, 61 prazas para motocicletas e tres reservadas para servizos sanitarios e de emerxencia.
Entre os cambios máis destacados figura a ampliación do acceso á rúa Vigo desde Luís Rocafort, unha actuación longamente demandada polos veciños e que facilitará especialmente o tránsito de autobuses.
Ademais, modificouse o sentido de circulación desta vía para mellorar as conexións coas rúas Lugo, As Cunchas e Rosalía de Castro.
Tamén se habilitou unha nova entrada ao porto deportivo a través da rúa Ramón Cabanillas, que pasa a funcionar como acceso desde Luís Rocafort, sumándose aos itinerarios xa existentes por Progreso, Castelao e Vidal Rocha.
A reorganización afecto así mesmo á rúa Castelao, que queda configurada cun único carril de saída cara a Luís Rocafort. Esta modificación permitiu gañar novas prazas de aparcadoiro en batería e crear unha nova parada de autobús.
As melloras esténdense a outros puntos estratéxicos do municipio. A remodelación da rotonda de Baltar abriu un novo acceso ao paseo de Silgar, mentres que os traballos de asfaltado e sinalización realizados na recta de Baltar e na glorieta principal de entrada a Portonovo pola rúa Rafael Picó buscan axilizar a circulación e optimizar o estacionamento.
Con estas actuacións, o Concello pretende equilibrar a crecente peonalización das zonas máis céntricas cunha mellor xestión do tráfico e do aparcadoiro, nun momento no que Sanxenxo se prepara para recibir unha elevada afluencia de visitantes durante os meses de verán.