Tres mozos de 18 a 24 anos falecidos nun grave accidente entre un coche e un camión en Caldas

Umia
03 de xuño 2021
Actualizado: 13:39

Os tres falecidos viaxaban nun turismo Citroën Xsara. Trátase do condutor, un veciño de Moraña de 19 anos; a copiloto, veciña de Vilagarcía de 18 anos; e o ocupante do asento traseiro, veciño de Caldas de 24. Resultaron feridos o condutor e a acompañante do camión. O condutor do coche non tiña permiso para conducir turismos  

Accidente na N-640 en Caldas / Guardia Civil de Pontevedra

Tres mozos de entre 18 e 24 anos faleceron a pasada madrugada nun grave accidente de tráfico rexistrado na estrada N-640 ao seu paso por Caldas de Reis, no límite co Concello de Cuntis. 

O sinistro produciuse sobre as 23.20 horas da noite do mércores e consistiu na colisión fronto lateral entre un turismo e un camión frigorífico por causas que aínda están a investigarse, pero que todo apunta a que tiveron relación con que o turismo se saltou un sinal de Stop. A Garda Civil tamén puido confirmar que o condutor do coche, falecido no sinistro, non tiña permiso de conducir tipo B para levar turismos

Segundo datos facilitados pola Garda Civil de Pontevedra, os tres falecidos viaxaban no turismo Citroën Xsara. Trátase do condutor, un mozo veciño de Moraña de 19 anos; a copiloto, unha veciña de Vilagarcía de Arousa de 18 anos; e o ocupante do asento traseiro, un veciño de Caldas de 24.  Este último era o propietario do vehículo

 O turismo chocou cun camión frigorífico de transporte de froitano que houbo dous feridos. O condutor, de 52 anos, resultou ferido leve e a acompañante, de 56, está ingresada nun centro hospitalario con prognóstico grave. Segundo datos oficiais, saíu despedida do camión e sufriu múltiples feridas. 

A Garda Civil someteu ao condutor do camión ás preceptivas probas de consumo de alcol e drogas e deu resultado negativo

A colisión tivo lugar á altura de San Andrés de César, no punto quilométrico 222 da  N-640, e provocou dificultades circulatorias na vía durante varias horas. A circulación quedou restablecida catro horas despois do sinistro, pasadas as tres da madrugada.

Xa desde un primeiro momento, Protección Civil solicitou vía Twitter á poboación que utilizase vías alternativas á  N-640 en San Andrés de César, pois había un importante despregamento de medios de emerxencia actuando na zona. 

Ata o lugar do accidente desprazouse a Garda Civil de Tráfico, que instrúe dilixencias sobre o ocorrido, e tamén tres ambulancias de Urxencias Sanitarias de Galicia, Protección Civil e Policía Local de Caldas de Reis, os Bombeiros do Salnés e Protección Civil de Cuntis. 

Tamén se desprazaron efectivos do servizo de mantemento de Estradas do Estado e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, que axudou nun primeiro momento nas tarefas de emerxencias.

ATENCIÓN ÁS FAMILIAS 

Dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) para prestar apoio aos familiares das vítimas.