Tres novos de arredor de 20 anos resultaron feridos a noite deste martes tras unha saída de vía na rúa Dinamarca, situada na parroquia pontevedresa de Mourente.
O vehículo no que viaxaban, un BMW, chocou contra un Renault Modus estacionado na zona e terminou a súa traxectoria contra un muro nas proximidades do Miradoiro de Monte Porreiro.

O servizo 112 Galicia rexistrou a alerta ás 23:30 horas mediante o aviso dun particular e dun dos propios implicados, quen indicou que un dos ocupantes permanecía inconsciente tras o impacto.
Ao lugar desprazáronse os bombeiros municipais, os servizos sanitarios e as forzas de seguridade.
Á súa chegada, os efectivos de extinción de incendios comprobaron que as tres persoas permanecían fóra do habitáculo do turismo.

O persoal das ambulancias evacuou os tres ocupantes a un centro hospitalario.

De forma paralela, os bombeiros realizaron labores de apontoamento no muro afectado para garantir a estabilidade da construción e a seguridade dos viandantes que transitan por este punto.