Tres novas altas e un paciente menos en UCI por coronavirus na área sanitaria

Pontevedra
28 de abril 2020

Este martes 28 hai 576 casos activos, dos que 549 son pacientes que evolucionan nos seus domicilios e 27 están hospitalizados. Hai 23 hospitalizados en planta e catro están en UCI. O número de pacientes en planta é o mesmo que o luns, pero en UCI hai un menos 

Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistrou nas últimas horas un novo incremento do número de positivos por coronavirus. Despois de que este luns apenas aumentasen cun caso activo máis que o domingo, este martes volveron a crecer con sete casos máis en 24 horas. A cara positiva da xornada sitúase nos hospitais, pois se reduciu o número de pacientes en UCI e prescribíronse tres altas. 

Segundo a información oficial facilitada, este martes 28 hai 576 casos casos activos fronte aos 569 do luns, dos que 549 son pacientes que evolucionan nos seus domicilios e 27 están hospitalizados. 

En concreto. na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés hai 23 hospitalizados en planta, 2 deles no Hospital  do Salnés e un en  QuirónSalud Miguel Domínguez, e catro están en UCI. O número de pacientes en planta é o mesmo que o luns, pero en UCI hai un menos. 

Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 faleceron nesta área sanitaria 15 pacientes e prescribíronse 161 altas hospitalarias, un incremento de 3 con respecto ao luns.

Segundo a información facilitada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, a nivel autonómico, este martes o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 6.947. Deles, 1.667 son da área da Coruña, 675 da de Lugo, 1.325 da de Ourense, 576 da de Pontevedra, 1.236 da área de Vigo, 1.061 da de Santiago, e 407 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 73 permanecen en UCI, 495 están en unidades de hospitalización e 6.379 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.841 altas de pacientes e 540 falecementos.

O número de  PCR realizadas é de 90.000 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,5% do total das persoas residentes. Hai 861 usuarios e 342 profesionais positivos e rexistráronse 128 mortes en residencias e 119 en hospitais e residencias integradas.  

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.