Os esperanzadores datos da afectación do coronavirus na área sanitaria ofrecidos este venres 1 de maio víronse embazados en apenas unha hora co falecemento dun paciente positivo en Covid-19 que se atopaba ingresado no hospital de Montecelo.
Trátase da vítima número 16 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés desde o inicio da alerta sanitaria.
O falecido, segundo informa o Servizo Galego de Saúde, é un home de 67 anos de idade que contaba con patoloxías previas que agravaron o seu prognóstico clínico.
A confirmación deste falecemento chegou pouco despois dos datos oficiais ofrecidos este venres 1 de maio pola Consellería de Sanidade, que reflectían que permanecían activos 208 casos de coronavirus na área sanitaria, con 8 ingresados en hospitais da comarca, 2 deles na UCI.
Desde o inicio da pandemia superaron o Covid-19 un total de 557 pacientes na área sanitaria pontevedresa.