A Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo, baleira de pacientes positivos por coronavirus

Pontevedra
04 de maio 2020

A de Pontevedra e O Salnés é a primeira área sanitaria de Galicia que quedou sen pacientes positivos por Covid-19 na UCI. Segundo os datos oficiais ofrecidos este luns 4 de maio pola Consellería de Sanidade, seguen activos 182 casos, 7 deles hospitalizados

Datos oficiais de afectados por coronavirus en Pontevedra e O Salnés a 4 de maio
Datos oficiais de afectados por coronavirus en Pontevedra e O Salnés a 4 de maio

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés converteuse na primeira de Galicia que baleirou a súa Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de pacientes positivos por Covid-19.

Así o confirmou este luns 4 de maio a Consellería de Sanidade cos datos oficiais da xornada, que reflicten que se manteñen activos na área sanitaria 182 casos de coronavirus, 4 menos que o domingo. Deles só 7 permanecen hospitalizados en planta en Montecelo (5), Hospital  do Salnés (1) e  QuirónSalud Miguel Domínguez (1).

O resto de 175 casos evolucionan nos seus respectivos domicilios.

Ademais nas últimas 24 horas curáronse 8 persoas, para un total de 591 recuperados desde o inicio da pandemia, mentres que a cifra de falecementos mantense en 16.

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 3.056, dos que 740 son da área da Coruña, 223 da de Lugo, 588 da de Ourense, 715 da área de Vigo, 468 da de Santiago, e 140 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 34 permanecen en UCI, 253 están en unidades de hospitalización e 2.769 no domicilio. Polo de agora, na comunidade hai un total de 6.234 persoas curadas, rexistrándose 569 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 104.990 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais supoñen o 2,3% do total das persoas residentes. Hai un total de 563 usuarios e 295 profesionais contaxiados e faleceron 129 persoas en residencias e 127 en hospitais e residencias integradas. 

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web específica, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.