Unha xornada con 33 recuperados e con só 4 persoas con coronavirus hospitalizadas na área sanitaria

Pontevedra
05 de maio 2020

Segundo os datos ofrecidos este martes 5 de maio pola Consellería de Sanidade, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta con 155 casos activos de Covid-19, o que supón un descenso de 27 nas últimas 24 horas

Concentracións do persoal sanitario en Montecelo e no Provincial reclamando seguridade laboral ante o Covid-19
Concentracións do persoal sanitario en Montecelo e no Provincial reclamando seguridade laboral ante o Covid-19 / Diego Torrado

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue mellorando os seus rexistros de afectados por coronavirus, a teor do que reflicten os datos oficiais ofrecidos este martes 5 de maio pola Consellería de Sanidade.

Segundo estas cifras permanecen activos 155 casos positivos de  Covid-19, o que supón un descenso de 27 nas últimas 24 horas. Ademais as hospitalizacións seguen descendendo e xa só quedan 4 persoas ingresadas por estas circunstancias, polas 7 do día anterior, todas elas en planta manténdose baleira de coronavirus a Unidade de Coidados Intensivos.

Estes pacientes atópanse repartidos entre os hospitais de Montecelo (2), O Salnés (1) e QuirónSalud Miguel Domínguez (1).

O resto de 151 casos evolucionan nos seus domicilios.

No que respecta a as recuperacións, na última xornada curáronse 33 persoas para un total de 624 pacientes desde o inicio da alerta sanitaria, mentres que os falecementos asociados á COVID-19 mantéñense en 16.

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 2.819, dos que 669 son da área da Coruña, 179 da de Lugo, 541 da de Ourense, 696 da área de Vigo, 451 da de Santiago, e 128 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 37 permanecen en UCI, 226 están en unidades de hospitalización e 2.556 no domicilio. Por agora, na comunidade hai un total de 6.561 persoas curadas, rexistrándose 573 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 106.081 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais supoñen o 2,2% do total das persoas residentes. Hai un total de 547 usuarios e 291 profesionais contaxiados e faleceron 130 persoas en residencias e 129 en hospitais e residencias integradas. 

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web específica, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.