Balance do coronavirus na área sanitaria: dez pacientes curados e cinco casos activos máis nun día

Pontevedra
06 de maio 2020

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten este mércores 6 de maio un total de 160 casos activos de coronavirus, cinco máis que o martes. Hai 156 pacientes que evolucionan no seu domicilio e catro ingresados en planta. Por terceiro día consecutivo non hai pacientes en UCI

Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten este mércores 6 de maio un total de 160 casos activos de coronavirus, cinco máis que o martes a pesar de que nas últimas 24 horas sumáronse dez persoas curadas. 

Segundo o balance oficial facilitado polo Servizo Galego de Saúde, este mércores hai 156  pacientes que evolucionan no seu domicilio e catro ingresados en planta nos hospitais da área  saniaria, dos que dous están no Hospital Montecelo, un no Hospital do Salnés e outro en QuirónSalud Miguel Domínguez.

A día de hoxe, e por terceiro día consecutivo, non hai ningún paciente con positivo en coronavirus na Unidade de Coidados Intesivos de Montecelo.

Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 634 pacientes nesta área sanitaria (10 máis nas últimas 24 horas) e faleceron 16 pacientes.

A nivel autonómico, segundo a información da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 2.808, deles 658 son da área da Coruña, 166 da de Lugo, 462 da de Ourense, 160 da de Pontevedra, 781 da área de Vigo, 455 da de Santiago, e 126 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 30 permanecen en UCI, 206 están en unidades de hospitalización e 2.572 no domicilio. Por agora,  en Galicia hai un total de 6.802 persoas curadas, rexistrándose 582 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 107.957 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 1,8% do total das persoas residentes. Hai un total de 446 usuarios e 277 profesionais contaxiados e faleceron 131 persoas en residencias e 134 en hospitais e residencias integradas.  

 A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web específica, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.