Xa non hai ningún paciente COVID positivo hospitalizado en Montecelo

Pontevedra
08 de maio 2020

Queda somentes un doente ingresado no hospital QuironSalud de Pontevedra. Mantéñense sen pacientes COVID positivos as áreas de coidados críticos e de hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e do Hospital do Salnés. Os pacientes COVID positivos redúcense a 141 casos, todos en domicilio

Aplausos ao persoal sanitario
Aplausos ao persoal sanitario /

O encomiable e eficaz traballo de todos os profesionais está a conter a incidencia do coronavirus na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Así o confirman os datos deste venres, que revelan que xa non hai ningún paciente COVID positivo hospitalizado en Montecelo nin no Salnés e, somentes, queda un doente ingresado no hospital QuironSalud de Pontevedra.

Mantéñense, polo tanto, sen pacientes COVID positivo tanto as áreas de hospitalización convencional coma as de coidados críticos no Complexo Hospitalario de Pontevedra e no Hospital do Salnés. Un total de 141 casos evolucionan nos seus domicilios -7 casos menos ca onte- que, xunto co paciente ingresado no hospital QuironSalud de Pontevedra, fan un total de 142 casos activos nesta área.

Desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19 xa se curaron 664 pacientes de Pontevedra e O Salnés -15 máis ca o xoves-.

Co seu permanente e adicado esforzo dos profesionais, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés foi quen de acadar este resultado asistencial contra a pandemia, xa que se contivo o impacto do coronavirus co menor número de falecidos de toda a Comunidade Autónoma -16 persoas-. 

Ademais, foi a primeira área sanitaria galega sen pacientes COVID positivo en coidados críticos e en hospitalización convencional e, posiblemente, unha das primeiras áreas que remate de testar a toda a súa plantilla, posto que tan só resta un 39,8% do cadro de persoal por facelo.