Persoal sanitario do CHUP denuncia a identificación de 1.640 máscaras de protección defectuosas

Pontevedra
06 de maio 2020

Ante esta situación, algúns representantes sindicais e traballadores realizaron un acto reivindicativo portando unha cadea na noite deste martes nas inmediacións do Hospital Provincial cumprindo co protocolo establecido para os paseos na fase cero do estado de alarma

Persoal sanitario protesta con candeas ao redor do Hospital Provincial
Persoal sanitario protesta con candeas ao redor do Hospital Provincial

Este martes, un grupo de representantes sindicais de Prosagap, Co.bas e Cesm e traballadores dos hospitais de Pontevedra realizaban un acto simbólico reivindicativo portando candeas na contorna do Hospital Provincial.

Cumprindo co protocolo establecido de seguridade durante os paseos e no horario permitido para paseos durante esta fase cero do estado de alarma, estes traballadores que viven preto do Provincial movéronse ao redor do centro hospitalario para denunciar a terceira retirada de material defectuoso destinado ao persoal na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Segundo indican, un total de 1.640 máscaras de protección FFP2 foron identificadas como defectuosas nas últimas horas. Deste lote lográronse inmobilizar 1.065 mentres que 575 foron utilizadas tanto en salas COVID como en salas non COVID.

Denuncian que se trata da terceira vez, desde que se decretou o estado de alarma, que profesionais dos hospitais públicos de Pontevedra utilizan material distribuído pola xerencia que non lles protexe debidamente fronte á pandemia.

Critican que desde a xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) se lles veñen ofrecendo diferentes respostas a estas situacións. Primeiro alegábase que non había equipos de protección individual porque a epidemia "non avisa e sorprendeunos a todos sen stock para empezar". Despois, a xerencia presentaba como desculpa que o mercado estaba difícil para adquirir o material e agora sinalan que este material de protección véndese defectuoso.

Estes representantes sindicais insisten en apuntar que "os traballadores non pedimos ser recoñecidos heroes, non pedimos extras, solicitamos e esiximos rigor e que deixen xa de poñer as nosas vidas en risco". E insisten en pedir condicións dignas e seguras no seu posto de traballo.

O persoal pregúntase quen é o responsable desta situación e queren saber quen se encarga de comprobar o material que se entrega aos profesionais e se está en condicións para o seu uso e quen se fai responsable en caso de que se estea a utilizar material sen garantías de protección.

Lamentan, por último, que desde a xerencia se emitira un comunicado recentemente afirmando que as denuncias das organizacións sindicais e traballadores eran "infundadas" ou que ningún traballador interveu "sen a protección adecuada".