Catorce curados nun día e só un paciente en UCI por coronavirus na área sanitaria

Pontevedra
02 de maio 2020

Este sábado 2 de maio hai na área sanitaria oito pacientes ingresados, o mesmo número que o venres. O número de pacientes que evolucionan en UCI reduciuse, de dous a un, e subiu o número de hospitalizados en planta, de seis a sete. Hai un total de 194 casos activos

Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

O balance da incidencia do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés revela este sábado que un total de 14 pacientes contaxiados curáronse nas últimas 24 horas, situando o total de curacións ata o momento en 571 pacientes.

Segundo o balance oficial de  Servizo  Galego de  Saúde, este sábado 2 de maio hai na área sanitaria oito pacientes hospitalizados, o mesmo número que o venres. O número de pacientes que evolucionan en UCI reduciuse, de dous a un, e subiu o número de hospitalizados en planta, que pasou de seis o venres a sete.

Do total de pacientes hospitalizados en planta, un está no Hospital  do Salnés, outro no Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez e os outros cinco no Hospital Montecelo.

Ademais, hai 186 casos que están a recibir seguimento nos seus domicilios, de modo que o total de casos activos este sábado ascende a 194, 14 menos que o venres.

Desde o inicio do plan de continxencia do  COVID-19 han fallecido 16 pacientes, o último este venres.

Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 3.235, deles 787 son da área da Coruña, 227 da de Lugo, 632 da de Ourense, 194 da de Pontevedra, 768 da área de Vigo, 476 da de Santiago, e 151 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 37 permanecen en UCI, 261 están en unidades de hospitalización e 2.937 en domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 5.981 persoas curadas, rexistrándose 557 falecementos.

O número de  PCR realizadas é de 101.036 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 2,6% do total das persoas residentes. Hai un total de 651 usuarios e 302 profesionais contaxiados e faleceron 127 persoas en residencias e 125 en hospitais e residencias integradas.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web específica, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.