Tres novos policías locais para Sanxenxo, que aspira a elevar o seu plantel a un total de 23

Sanxenxo
15 de febreiro 2023

Antes de incorporarse á actividade, xuraron o seu cargo nun acto presidido polo alcalde, Telmo Martín, e a xefa do corpo municipal, Luisa Fariña. Desde o Concello destacan que todos coñecen Sanxenxo tras realizar períodos de prácticas durante varios veráns e están familiarizados co método de traballo da comisaría.

Toma de posesión dos novos axentes da Policía Local de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

Tres novos axentes incorporáronse á Policía Local de Sanxenxo. Son Ismael Otero, Antonio Iglesias e Germán González que, antes de incorporarse á actividade, xuraron o seu cargo nun acto presidido polo alcalde, Telmo Martín, e a xefa do corpo municipal, Luisa Fariña.

Desde o Concello destacan que todos coñecen Sanxenxo tras realizar períodos de prácticas durante varios veráns e están familiarizados co método de traballo da comisaría.

A finais deste ano incorporarase outra nova policía, Patricia Penavella, unha vez complete a súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada.

Tras dar a benvida aos axentes e agradecerlles que escollesen Sanxenxo para desenvolver a súa vida laboral, Telmo Martín avanzou que o goberno municipal espera convocar proximamente dúas novas prazas máis, elevando o persoal da Policía Local a 23 axentes.

Sería un número de policías "acorde ás necesidades do municipio", sostivo o alcalde, que lembrou aos novos axentes que Sanxenxo é un municipio turístico que en determinados momentos do verán quintuplica a súa poboación.

"Unha persoa que chega de fóra se precisa axuda o primeiro que fai é buscar un coche da Policía Local ou un axente. Vós sodes en moitos casos a imaxe do noso municipio", subliñou.

Pola súa banda, a xefa da Policía Local de Sanxenxo destacou a "profesionalidade" das novas incorporacións, así como a súa "disposición no traballo".