O número de casos activos de Covid-19 en Pontevedra e O Salnés descendeu a 11, segundo os datos oficiais ofrecidos este mércores 10 de xuño pola Consellería de Sanidade.
Esta cifra supón unha baixada de dous casos con respecto aos números achegados o martes, debido a que se reportaron tres altas epidemiolóxicas e só se contabilizou un novo contaxio na área sanitaria.
Todos os casos activos evolucionan nos seus domicilios, polo que os hospitais da comarca mantéñense sen pacientes positivos de coronavirus ingresados nas súas instalacións.
Desde o inicio da pandemia curáronse 888 pacientes en Pontevedra e O Salnés e faleceron 16 pacientes afectados de coronavirus.
A nievl autonómico a noticia da xornada é a ausencia, por primeira vez desde o pasado 10 de marzo, de pacientes ingresados na Unidade de Coidados Intensivos (UCI). Ademais Galicia suma a súa sétima xornada consecutiva sen lamentar falecementos asociados á Covid.
O número de casos activos de coronavirus na comunidade é de 476, polos 503 do martes. Deles 101 son da área da Coruña, 31 da de Lugo, 34 da de Ourense, 11 da de Pontevedra, 189 da área de Vigo, 97 da de Santiago, e 13 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 10 están en unidades de hospitalización e 466 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.338 persoas curadas, rexistrándose 618 falecementos.
Realizáronse un total de 153.606 probas PCR e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais supoñen o 0,07% do total das persoas residentes.
En toda Galicia hai 17 usuarios e 14 profesionais de centros residenciais contaxiados e rexistráronse 132 falecementos en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.