O primeiro paciente galego con síntomas de coronavirus sitúase en Pontevedra o 15 de xaneiro

Pontevedra
11 de xuño 2020

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é a de Galicia con menos positivos. Este xoves 11 de xuño hai 11 casos activos, dos que todos eles están en seguimento domiciliario. É a mesma cifra que o mércores e nas últimas 24 horas non houbo novos contaxios nin altas

Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

Unha serie histórica da evolución da Covid-19 publicada polo Ministerio de Sanidade sitúa o primeiro paciente con síntomas de coronavirus en Galicia xa no mes de xaneiro e na provincia de Pontevedra. En concreto, sería un paciente que empezou a padecer a enfermidade o 15 de xaneiro,

A estatística, elaborada polo Instituto de Salud Carlos III en base á información transmitida dende as comunidades autónomas, sitúa cada positivo por coronavirus na data na que o paciente empezou a ter síntomas e non no día no que deu positivo. No caso deste paciente, nunca chegara a coñecerse, pois o primeiro caso detectado polo Servizo Galego de Saúde remóntase ao 4 de marzo, mes e medio despois. 

Este paciente do 15 de xaneiro situaría na provincia de Pontevedra o primeiro caso de coronavirus en Galicia. Aquel caso do 4 de marzo situábase no provincia da Coruña, un contaxio importado de Madrid que ingresou no Complexo Hospitalario Universitario coruñés. 

En canto á evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, este xoves 11 de xuño hai 11 casos activos, dos que todos eles están en seguimento domiciliario e non hai ningún hospitalizado, nin en planta nin na UCI. 

O número de casos permanece igual que o deste mércores e tampouco se produciron nas últimas 24 horas nin novos contaxios nin altas hospitalarias. Así, desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 888 pacientes nesta área sanitaria, a mesma cifra que un día antes. En total, faleceron 16 pacientes.

Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 465, deles 105 son da área da Coruña, 29 da de Lugo, 31 da de Ourense, 11 da de Pontevedra, 184 da área de Vigo, 92 da de Santiago, e 13 da de Ferrol. Isto implica que Pontevedra se mantén como a área sanitaria con menor número de casos activos.

Do total de pacientes positivos, 11 están en unidades de hospitalización e 454 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.356 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 155.048 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 0,05% do total das persoas residentes. En toda Galicia hai 14 usuarios e 11 profesionais de centros residenciais contaxiados e rexistráronse 132 falecementos en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.  

A Consellería de  Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.