Tres proxectos de Pontevedra, finalistas aos premios dos arquitectos galegos

Pontevedra
09 de setembro 2021

Os galardóns que concede o Colexio de Arquitectos de Galicia entregaranse o día 25 no Pazo  Baión, onde se seleccionarán, entre 38 candidatos, os mellores proxectos de nove categorías

Sede do Colexio de Veterinarios de Pontevedra, nominada aos premios COAG
Sede do Colexio de Veterinarios de Pontevedra, nominada aos premios COAG

O Colexio de Arquitectos de Galicia deu a coñecer as obras finalistas da XIX edición dos Premios COAG de Arquitectura, que contou coa candidatura de 197 propostas executadas e finalizadas no ámbito territorial da entidade entre 1 de agosto do 2018 e o 30 de setembro do 2020.

O xurado seleccionou seis obras na categoría de vivenda unifamiliar, dos obras en vivenda colectiva, cinco en outros edificios de nova planta, seis en obras de restauración e rehabilitación, catro en obras de interiorismo, tres en arquitecturas efémeras e deseño, tres en deseño de espazos urbanos, xardinería e paisaxismo, catro en divulgación e investigación, e cinco en proxecto fin de carreira.

O premio á traxectoria profesional farase público nos próximos días.

Entre os proxectos nominados atópase un edificio de 31 vivendas construido na Rúa Estrada de Pontevedra, o campo de fútbol de Campañó e a reforma do local para a sede do Colexio de Veterinarios de Pontevedra, no número 4 do Camiño Vello de Castela.

Os membros do xurado foron a decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia, que actuou como presidenta; como vogais, a arquitecta e vicepresidenta da Ordem de Arquitectos de Portugal, Paula Santos; o arquitecto Antonio Ortiz, con traxectoria de obra construída significativa e docente da ETSA de Sevilla; a arquitecta e responsable da Comisión de Cultura do COAG, Emma Noriega; a arquitecta Ana Couto, responsable da Comisión de Urbanismo e Territorio do COAG; e a arquitecta e secretaria da Xunta de Goberno do Colexio, Elvira Carregado, que exerceu de secretaria.

O xurado seleccionou estas trinta e oito obras pola súa gran calidade, a súa adaptación ao territorio natural e construído, a minuciosidade na recuperación do patrimonio construído, a súa innovación no uso de materiais, a súa versatilidade e o traballo de investigación e divulgación realizado para que Galicia sexa un referente no panorama arquitectónico.

Para facer públicos os nomes dos gañadores destes prestixiosos galardóns da arquitectura galega máis destacada do momento, o Colexio de Arquitectos de Galicia celebrará unha gala o 25 de setembro pola tarde no Pazo de Baión en Vilanova de Arousa.