O Tribunal Supremo vén de rexeitar o incidente de nulidade presentado pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) contra a sentencia que avalou a prórroga de 60 anos concedida a ENCE en 2016 polo goberno de Mariano Rajoy.
A decisión foi coñecida o pasado 9 de xaneiro e, segundo a propia asociación, "trátase dunha decisión agardada pois, é sabido da dificultade do Tribunal Supremo para adoptar decisións favorábeis neste tipo de recursos".
No recurso presentado en outubro de 2025, a APDR solicitaba que se declarasen nulas certas actuacións do Supremo, ao considerar que existían motivos non xulgados no seu anterior recurso, o que deixaba á asociación en situación de indefensión e vulneraba o dereito á tutela xudicial efectiva.
Entre eses motivos, destacaba especialmente a duración da prórroga de ENCE, que, segundo a asociación, superaba os 75 anos máximos previstos pola Lei de Costas contando desde 1958, polo que a concesión de 60 anos en 2016 sería irregular.
A APDR subliña que, aínda co rexeitamento do Supremo, a batalla xudicial non remata.
A organización xa prepara un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, co que pretende seguir loitando pola saída da factoría do seu actual emprazamento na ría.
Segundo a Xunta Directiva da APDR, esto "non supón en absoluto o final do percorrido da vía xudicial na loita contra a permanencia de ENCE na nosa Ría".
O caso de ENCE segue así aberto, e a súa permanencia na ría continúa a ser un dos conflitos ambientais e sociais máis relevantes de Galicia, con repercusións tanto xurídicas como políticas.