A campaña turística "Fame de Experiencias" coa que a Deputación de Pontevedra promoveu no 2019 o destino Pontevedra Provincia segue acumulando premios. A obra, producida pola empresa Esmerarte, acaba de conseguir a medalla de prata no certame TV&Film Awards Festivals de New York e foi a única representación española en alcanzar o podium na modalidade de turismo do concurso.
Trátase do terceiro recoñecemento a esta campaña. O primeiro chegou en Fitur ao mellor audiovisual e o segundo, en Berlín."Mostra que imos no bo camiño e premia a creatividade e talento do audiovisual da nosa provincia”, declarou a presidenta da Deputación tras recibir a noticia do logro. "Temos unha excelente oportunidade de difundir o noso destino en novos mercados e representantes da industria audiovisual, influencers, cineastas e directores creativos de todo o mundo”, celebra a socialista.
O éxito serve para convencer aínda máis a Turismo Rías Baixas de manter a súa aposta por "un destino sostible, ligado ao territorio, que pon en valor a natureza, a proximidade, as persoas que forman parte do conglomerado turístico, a gastronomía, a viticultura e todas as produtoras e produtores”, subliña a mandataria, convencida dos bos resultados que chegarán unha vez se supere a crise sanitaria derivada do coronavirus.
O vídeo “Fame de experiencias”, promove a gastronomía de excelencia da provincia de Pontevedra, poñendo en valor ás persoas produtoras e ao produto de excelencia e de calidade que se xera nunha contorna única: Rías Baixas.