Turismo Rías Baixas sitúa no 72 % a ocupación media dos aloxamentos da provincia en xullo

Pontevedra
28 de xullo 2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, defende que "o turismo é unha industria fundamental para esta provincia e o noso mellor escaparate ante o mundo"

Turistas en Pontevedra
Turistas en Pontevedra / Mónica Patxot

O Observatorio de Turismo Rías Baixas sitúa en preto do 72 %, dúas décimas por riba do acadado no 2022, a ocupación media de xullo na provincia de Pontevedra.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou que “o turismo é unha industria fundamental e o noso mellor escaparate ante o mundo” e, sobre os datos, subliñou que “confirman o que xa sabemos: Pontevedra é desfrutar, tal e como avalan os milleiros de persoas que se achegan ata a provincia”.

Superan a media provincial do 71,6%, tal e como explicou Luis López, as comarcas do Morrazo, cun 78,1%; Vigo, cun 77,2%; Caldas, cun 75,2%; e O Baixo Miño cun 75,2%. Pola súa banda, a comarca do Salnés rexistrou en xullo unha media de ocupación do 70%; e a de Pontevedra do 69,4%.

Con todo, “tiveron un comportamento moi significativo” concellos como o de Pontevedra, co 72,7%; O Grove co 71,1%; e Sanxenxo co 70% de ocupación media en xullo.

No que respecta a outros aloxamentos, o presidente da Deputación indicou que, segundo “os datos claros e transparentes do Observatorio”, o turismo rural acadou preto dun 64% de ocupación en xullo, con porcentaxes próximas ao 90% nas comarcas de Caldas ou do 85% no Morrazo. Pola súa banda, a comarca do Pontevedra mantivo un 67,8% de ocupación en xullo neste tipo de establecementos; a do Salnés un 65%.

No caso dos albergues, a ocupación situouse no 52%, con niveis do 48,7% en Caldas; e do 48,1% en Pontevedra, O Salnés e O Morrazo. Pola súa banda os cámpings estiveron ocupados ao 60%, con bos datos no Salnés ao superar o 76%.

Finalmente as vivendas turísticas acadaron  en xullo unha ocupación media do 75%, cinco puntos por riba do 2022.

“Pontevedra é sol, é praia, pero é moito máis. Tamén é cultura e patrimonio” remarcou o presidente da Deputación. No que respecta ao Museo de Pontevedra, no 2023 visitaron os sete edificios que o compoñen 87.200 persoas, 11.300 máis que o ano pasado o que supón un incremento do 14%.

“Só en xullo foron 20.500 persoas e se continuamos así, ata o vindeiro 31, bateremos o récord de visitantes dun mes de xullo desde o 2017”. No caso das Ruínas de San Domingos “tamén este está a ser non o mellor mes, senón o mellor ano desde 2017”, informou o presidente, que situou en 48.000 o número de persoas que visitaron este espazo do Museo de Pontevedra no que vai de ano.

Sen saír do sector do turismo, Luis López deu a coñecer que se teñen cuberto as 25 prazas ofertadas para participar no workshop de Turismo Rías Baixas previsto para o 18 de outubro en Alacante e para o 19 en Barcelona.  “Son actividades que conectan a empresas turísticas da provincia con profesionais doutros lugares. Neste caso, prevemos dar a coñecer o destino Pontevedra a 100 empresas locais das dúas cidades”, rematou.