TVE defende o uso do topónimo La Toja nun dos seus programas

O Salnés
25 de abril 2023

A defensora da audiencia da canle pública asegura que nos informativos estatais deben empregar sempre os topónimos en castelán, ignorando a lexislación autonómica e a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo ao respecto

Protesta na Toxa da Mesa pola Normalización Lingüística Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa pola Normalización Lingüística sae ao paso do comunicado da defensora da audiencia de TVE alegando que o nome da Toxa non aparece no rexistro de entidades locais, polo que defende o uso de La Toja.

Esta foi a mensaxe emitida en resposta á protesta dunha cidadá galega que criticou o uso do topónimo deturpado de A Toxa nun programa da canle pública. O ente público afirma na súa resposta formal á espectadora que "o seu Manual de Estilo a obriga a ser especialmente escrupulosa no respecto á toponimia conforme á legalidade vixente",.

Con todo, desde TVE defenden que "cando se trate de localidades que posúan oficialmente dous nomes, un en castelán e o outro na lingua cooficial, pero ningún tivera sido cambiado mendiante unha lei das cortes xerais, deberase empregar o máis utilizado pola audiencia, (se é o informativo nacional, débese usar o castelán) sen que se deba nomear cos dous nomes en paridade de valor".

Ante esta situación, a Mesa pola Normalización Lingüística vén de se dirixir á defensora da audiencia, para informala a ela e aos servizos xurídicos da corporación pública sobre a lexislación aprobada hai case 40 anos, ademais da xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo.

Esta afirma a plena validez do artigo 10 do artigo da Lei de Normalización Lingüística  que sinala que "os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega" e engade que "corresponde á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galiza".

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, afirma que dende a entidade de defensa da lingua "queremos pensar que o uso interesado e errado que os servizos xurídicos e a propia defensora da audiencia fan da lexislación para argumentar a favor da deturpación toponímica non está baseada na mala fe, senón na ignorancia sobre todo canto ten a ver con Galiza, as nosas institucións, as mudanzas lexislativas operadas hai case 40 anos e a xurisprudencia que as asentou".

Sentencia Maceira que "esta ignorancia é especialmente grave ao se tratar dun servizo público de televisión, dependente do Estado e financiado tamén co diñeiro das galegas e galegos e que debe dar sempre información veraz".

Neste sentido, A Mesa aproveitou a resposta a TVE para informala tamén dos incumprimentos reiterados da lexislación audiovisual nas porcentaxes de uso do galego e dispoñibilidade de contidos en galego para menores de 12 anos. "Se non se actualizaron nos últimos 40 anos comprendemos as dificuldades para o faceren sobre o último ano, mais o descoñecemento das leis non exime do seu cumprimento", remata o presidente.