UGT considera "un gran erro" que CCOO decidira separarse neste 1º de maio en Pontevedra

Pontevedra
28 de abril 2023

A manifestación de UGT vai iniciarse ás 12.00 horas na praza da Ferrería e fará un percorrido para rematar na Subdelegación do Goberno baixo o lema 'Subir salarios, baixar prezos e repartir beneficios'. O secretario xeral en Pontevedra deste sindicato, Ramón Vidal, afirma que é necesario saír á rúa para defender os dereitos laborais e propón encarecer o despedimento para dar estabilidade no emprego

Ramón Vidal e José Luis García Pedrosa, de UGT e CCOO, na presentación do 1º de maio de 2022
Ramón Vidal e José Luis García Pedrosa, de UGT e CCOO, na presentación do 1º de maio de 2022 / Diana Eiras - Arquivo

O sindicato UGT sairá o 1º de maio ás rúas de Pontevedra, a diferenza dos últimos anos, sen coincidir con CCOO, a pesar de que en Galicia haxa acordo entre os dous sindicatos para realizar as reivindicacións conxuntas nesta data baixo o lema 'Subir salarios, baixar prezos, repartir beneficios'.

Ramón Vidal, secretario xeral do sindicato en Pontevedra, Deza e Arousa, aseguraba este venres na presentación da manifestación que realizarán a partir das 12.00 horas desde a praza da Ferrería ata a Subdelegación do Goberno, que lle parecía "un gran erro" esta decisión por parte de Comisións Obreiras e consideraba que as manifestacións de José Luis García Pedrosa, secretario de organización de CCOO, contra UGT respondían a "razonamentos incomprensibles".

Recoñeceu que en todo momento tentara manter contacto con CCOO e ata o "último momento" interpretaron que a manifestación sería conxunta. "Non entendemos a causa pola que non imos xuntos", explicou Vidal sinalando que na comarca de Arousa realizarase unida entre os dous sindicatos.

Ramón Vidal, de UGT: "O inxustificable é que non vaiamos en unidade sindical, todos. Isto debilita a clase traballadora"

O representante de UGT lembrou a García Pedrosa que "somos un sindicato de clase como son eles. Como organización teñen os seus órganos e poden decidir erroneamente non participar de forma conxunta pero as causas non teñen nin pés nin cabeza". Sobre as acusacións realizadas polo secretario de organización de CCOO en Pontevedra explicou que cada sindicato ten as súas estratexias e cando algún entende que non se realizan de maneira axustada a dereito existen procedementos de mediación, arbitraxe e xulgado. 

Lamentou que CCOO lles relacionou cun partido político e con determinadas empresas. "É un razonamento para xustificar o inxustificable. O inxustificable é que non vaiamos en unidade sindical, todos. Isto debilita a clase traballadora", afirmaba Ramón Vidal, que defende que debe existir unión sindical por parte de todas as centrais porque considera que é o mellor na defensa dos traballadores e traballadoras.

En todo caso, explicou que tentarán ir en unidade en próximas accións sindicais e asegurou que non se vai a romper a relación con CCOO porque é unha organización "á que teño moito respecto, á afiliación e ao que representa".

Ramón Vidal convidou a que as persoas se somen á manifestación do luns. Entende que a reforma laboral está a axudar a ofrecer un emprego de calidade pero admite que é necesario "encarecer" o despedimento para dar estabilidade aos postos de traballo. Lamentou que determinadas entidades, sobre todo financeiras, sexan insolidarias e estean a incrementar as dificultades económicas das persoas con hipotecas. Tamén lamentou a baixada do IVE por parte do Goberno central ao entender que esa medida permitiu unha subida de prezos que só beneficiou a comercializadoras e distribuidoras.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora