Última oportunidade para crear parques forestais nos montes da provincia

Pontevedra
10 de decembro 2018

O vicepresidente César Mosquera anuncia unha partida de 800.000 euros para a mellora e posta en valor dos terreos

Bosque
Bosque / Juan Mejuto

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar este luns en Xunta de Goberno a súa terceira e última convocatoria para crear parques forestais nos montes da provincia.

O vicepresidente César Mosquera explicou que a partida económica para axudar aos concellos ascende a 800.000 euros co fin de mellorar e poñer en valor terreos forestais que hoxe presentan grande deterioro debido ao seu estado de abandono, contaminación ou perda dos valores naturais e culturais, e que supoñen condicións ideais para as vagas de lumes.

Segundo explicou Mosquera esta derradeira convocatoria responde ao interese mostrado por diferentes concellos que teñen a vista posta na recuperación do monte dunha maneira sustentable e están a traballar tanto na redacción de proxectos como na execución dos que xa teñen redactados.

As bases da nova liña de axudas sairán publicadas no Boletín da Provincia a finais da vindeira semana e abrirase un prazo amplo para presentar as solicitudes e os informes sectoriais necesarios.