Ultiman o estudo que determinará as actuacións para conservar as Ruinas de San Domingos

Pontevedra
30 de agosto 2013

Segundo explicou a deputada Ana Isabel Vázquez, este estudo, que será analizado polos servizos de arquitectura da Deputación unha vez recibido, "determinará as actuacións que temos que facer, se é que hai que facer algunha" e sobre todo, se esa rehabilitación "se pode compatibilizar coa súa apertura ao público ou teremos que mantelas pechadas ata que estén restauradas"

Estado actual das ruinas de San Domingos
Estado actual das ruinas de San Domingos / PontevedraViva

As Ruínas de San Domingos están sendo obxecto dunha "exhaustiva revisión" para determinar o estado no que se atopan. O desprendimento hai case un mes dun capitel da antiga igrexa fixo saltar todas as alarmas no Museo de Pontevedra, organismo responsable da súa xestión. Ese estudo, realizado por unha empresa especializada, será recibido pola Deputación de Pontevedra nos próximos días.

Segundo explicou a deputada Ana Isabel Vázquez, este estudo, que será analizado polos servizos de arquitectura da Deputación unha vez recibido, "determinará as actuacións que temos que facer, se é que hai que facer algunha" e sobre todo, se esa rehabilitación "se pode compatibilizar coa súa apertura ao público ou teremos que mantelas pechadas ata que estén restauradas".

As ruínas, pechadas ao público desde o pasado 10 de agosto, "levan moito tempo", sinalou Ana Isabel Vázquez, sen ningún tipo de actuación de conservación. A última foi fai dez anos, en 2003. Nela, aproveitouse, entre outras cousas, para colocar unha cuberta de zinc na parte superior da estrutura. Pero non se chegaron a cubrir as xuntas entre as distintas partes da edificación que se conservan e por eses espazos fíltrase a auga da choiva.

ÿ un dos motivos do mal estado das ruínas, sinalou a deputada popular. "Son unhas ruínas sobre as que chove todos os días, a pedra se deteriora porque a labrada non é moi dura e unha parte da bóveda non está apoiada sobre nada e é normal que co paso do tempo se vaia deteriorando dalgunha maneira". Por iso é polo que a Deputación queira coñecer exactamente o estado real de todas as pezas que forman o monumento.

Outro dos aspectos que se analizarán neste estudo, é se os eventos que se celebran na contorna das ruínas, como os concertos da Praza de España ou mesmo nas ruínas, ou as actividades na Avenida de Montero Ríos poden ter algún efecto sobre este conxunto histórico. Aínda que Ana Isabel Vázquez afirmou que, por agora, "non temos datos" sobre un posible efecto, sinalou que é posible que "poidan xerar vibracións que as deterioren".