Último paso administrativo para iniciar a renaturalización do río dos Gafos

Pontevedra
09 de abril 2026

O trámite aprobado consiste en someter a exposición pública, durante un prazo de 15 días hábiles, a adxudicación da obra

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou este xoves en rolda de prensa que a Xunta de Goberno Local aprobou o "último chanzo administrativo" para poder iniciar canto antes as obras de renaturalización do río dos Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo.

O trámite aprobado consiste en someter a exposición pública, durante un prazo de 15 días hábiles a partir deste 9 de abril, a adxudicación da obra á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada polas firmas locais Covsa e EC Casas, co fin de que se poidan presentar posibles reclamacións. O prazo para formular alegacións finalizará o próximo 30 de abril.

A mesa de contratación deu o visto bo a unha oferta de 4.191.406 euros, o que supón unha rebaixa de preto de 400.000 euros respecto ao orzamento base de licitación, que superaba os 4,6 millóns.

Ao proceso concorreron un total de seis empresas, aínda que finalmente resultou adxudicataria a alianza destas dúas compañías pontevedresas.

O proxecto transformará de maneira significativa a fisionomía da contorna e a relación dos veciños de Campolongo co seu espazo natural, mediante a creación dun corredor verde de 21.000 metros cadrados.

A recuperación ambiental, a mellora da calidade urbana e a xestión hidráulica son o tres grandes obxectivos dunha intervención que contempla, entre outras actuacións, levantar a cuberta que actualmente oculta o río ao seu paso polo parque do barrio.

O prazo de execución previsto é de 12 meses. Segundo explicou o rexedor, o inicio das obras viuse condicionado polo calendario de aprobación dos orzamentos municipais de 2026. "Mentras non estivera operativo o orzamento non se podía expoñer ao público a adxudicación", sinalou.

Superado este trámite, os seguintes pasos serán a sinatura do contrato e a presentación da documentación necesaria por parte da empresa adxudicataria.

Se non se presentan alegacións ou estas se resolven con axilidade, o goberno local prevé que os traballos sobre o terreo poidan comezar a principios de maio.

En paralelo, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén a adaptación do orzamento ás anualidades previstas: 2.941.644 euros para 2026 e 1.249.762 euros para 2027.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora