Umia Vivo pide abrir as pozas da Tafona como refuxio climático

Umia
26 de xuño 2026

O colectivo sinala que o proxecto acumula 13 anos desde o inicio das obras e di que o resultado responde a un "complexo de piscinas nas que o Concello gastou preto dun millón de euros"

Pozas da Tafona Umia Vivo

A asociación Umia Vivo reitera a súa queixa contra as pozas da Tafona, en Caldas de Reis, ao ser un un proxecto que acumula xa 13 anos desde o inicio das obras e que, segundo defende, nunca debeu presentarse como termal ao non contar coa declaración de auga mineromedicinal.

O colectivo lembra que o proxecto se foi desenvolvendo con distintas autorizacións sectoriais, pero que a denominación de "termal" foi cuestionada desde o principio pola Consellería de Industria.

Segundo o departamento autonómico, a auga destinada ao baño procede da Burga pero, tras o seu paso por unha serie de canalizacións e depósitos, perde a condición de auga mineromedicinal e requiriría un filtrado e tratamento químico para o seu uso.

Umia Vivo critica ademais que durante todos estes anos investiuse nunha actuación que consideran "errada" e que supuxo un gasto próximo ao millón de euros para o Concello de Caldas. Di que o resultado final non responde o proxecto que se anunciou inicialmente, senón a un "complexo de piscinas circulares nas que o Concello gastou durante 13 anos preto dun millón de euros".

Ante esta situación, a asociación pide que as instalacións abran de maneira "inmediata" á veciñanza e ao público en xeral, sempre coas garantías sanitarias esixidas para este tipo de espazos. Ademais, propón que o recinto poida funcionar como refuxio climático durante as vagas de calor, con horarios amplos e prioridade para as persoas máis vulnerables.

A petición está dirixida tamén á Deputación de Pontevedra e a Turismo de Galicia, por colaborar no financiamento e na difusión dunha proposta que, segundo Umia Vivo, "demostrou ser inviable desde o principio".