Un apagón deixa sen luz a miles de vivendas do centro de Pontevedra á hora de comer

Pontevedra
05 de novembro 2020

A avaría foi detectada na contorna da Uned, en Monte Porreiro, e quedou emendada minutos antes das 15 horas. Un milleiro dos máis de 1.300 usuarios afectados recuperaron a subministración en media hora

ARQUIVO. Axente da policía local ante o edificio onde unha persoa quedou atrapada nun ascensor polo corte eléctrico
ARQUIVO. Axente da policía local ante o edificio onde unha persoa quedou atrapada nun ascensor polo corte eléctrico / Mónica Patxot

Un apagamento deixou sen luz este xoves á hora de preparar a comida, pasadas ás 13.30 horas, a máis dun milleiro de pontevedreses residentes no centro da cidade, que tardaron en recuperar a subministración arredor de media hora, aínda que o servizo non se repuxo por completo ata as 14.53 horas.

A incidencia, segundo puido saber PontevedraViva, foi detectada na contorna da Uned, no barrio de Monte Porreiro, e provocou cortes a usuarios da zona de San Antoniño, Barcelos ou Benito Corbal, entre outras zonas. 

En total foron 1.300 os usuarios afectados, dos que 1.000 recuperaron a luz nuns 30 minutos, aínda que outros tiveron que aguantar máis dunha hora sen luz nunha hora na que a maior parte das familias están a preparar a comida antes de retomar a xornada laboral ou escolar.

O corte afectou tamén a numerosos establecimentos comerciais deste céntrico barrio pontevedrés.