Un avogado de Santiago será o administrador no concurso da Rede Galega de Kioscos

Pontevedra
19 de novembro 2014

Francisco José Vispo foi nomeado polo Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña mentres os traballadores de Cogami, encargados dos quioscos en Pontevedra, continúan buscando alternativas para poder seguir co negocio

Quiosco de COGAMI na Praza de Galicia
Quiosco de COGAMI na Praza de Galicia

O avogado Francisco José Vispo foi nomeado administrador concursal único polo Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña no proceso de concurso de acredores no que se encontra a sociedade Rede Galega de Kioscos, despois de que tivese renunciado o primeiro administrador nomeado para asumir esta operación. Non se tivo en conta a petición dalgúns traballadores e ex traballadores para que se retirara o concurso.

Ao longo dos próximos quince días terá que presentar o inventario de bens e dereitos da empresa que xestionaba os quioscos de Cogami en Galicia e que afecta a catro instalacións en Pontevedra e a unha de Vilagarcía de Arousa. E no prazo dun mes terá que trasladar o informe ao xulgado que leva o caso.

Por outra parte, segundo fontes sindicais, nos últimos días continúan estudándose diferentes alternativas para poder desenvolver un proxecto que xestione os quioscos de Pontevedra cos traballadores actuais. Entenden que os establecementos da cidade eran viables economicamente e, polo tanto, buscan algunha fórmula para poder asumilos e evitar o peche que levaría consigo o despedimento de máis dunha decena de traballadores.

Polo momento, os quioscos á espera da orde de cesamento de actividade, continúan abertos pero sen practicamente material para venda.