Seis persoas foron trasladadas nas últimas horas a centros hospitalarios de Pontevedra e Arousa con motivo do accidente que se rexistraba ao redor das 13.54 horas, segundo o 112 Galicia, no municipio de Meaño.
Segundo indica o servizo de Emerxencias do Concello de Cambados, que tivo que intervir, o accidente producíase na estrada EP-9303 ao seu paso polo lugar de Coirón, na parroquia de Dena.
Nun dos vehículos, un Seat León, viaxaban un condutor de 32 anos; o copiloto de 33; e un bebé de catro meses. Estes ocupantes foron evacuados ao Hospital Montecelo por unha ambulancia do 061.
No outro turismo, un Volkswagen Touran, a condutora de 45 anos; o copiloto, de sete anos; e outro menor de oito anos, foron evacuados polo 061 ao Hospital do Salnés para unha avaliación das feridas causadas no accidente.
Na intervención tamén participaba a Garda Civil de Tráfico.