Sae da vía, impacta contra unha vivenda en Cambados e dá positivo en alcohol

O Salnés
28 de decembro 2023

Trátase dun veciño de Cambados, de 24 anos de idade, que foi evacuado xunto ao copiloto, de 21 anos e veciño de Meis, ao Hospital do Salnés por unha ambulancia do 061. Outras dúas persoas viaxaban no turismo e rexeitaron asistencia sanitaria. O accidente producíase durante a noite na estrada PO-549 ao seu paso pola parroquia de Corbillón

O servizo de Emerxencias no lugar onde o turismo impactou contra a casa no Corbillón
O servizo de Emerxencias no lugar onde o turismo impactou contra a casa no Corbillón / Servizo de Emerxencias

A Garda Civil abriu dilixencias contra o condutor dun turismo que ofreceu resultado positivo na proba de alcoholemia durante a madrugada deste xoves 28 de decembro despois de perder o control do vehículo e, tras saír da vía, impactar frontolateralmente contra unha vivenda na parroquia de Corbillón, no municipio de Cambados.

O condutor é un mozo de 24 anos e veciño de Cambados. O servizo de Emerxencias do Concello cambadés trasladábase ata a zona para atender aos catro ocupantes do vehículo que circulaba pola estrada PO-549.

O mozo que conducía sufría dor cervical, mentres que o copiloto, de 21 anos e veciño de Meis, tamén presentaba dor cervical. Ambos foron evacuados ao Hospital do Salnés pola ambulancia do 061.

Os outros dous ocupantes rexeitaron a asistencia sanitaria que se lles ofreceu no lugar do accidente.

Os danos materiais causados son de importancia tanto na parte frontal do turismo como na parede exterior da casa debido ao brutal impacto.

Na intervención participaron a Garda Civil de Cambados, axentes da Garda Civil de Tráfico, a ambulancia do 061 e Atestados, ademais de Emerxencias de Cambados.