Unha muller e a súa filla, menor de idade, que viaxaban na mañá deste sábado nun turismo pola Vía Rápida do Salnés, falecían como consecuencia dun impacto cun camión cisterna que transportaba combustible, segundo confirmaba a Garda Civil de Tráfico.
O suceso rexistrábase ao redor das 09.30 horas na VG-4.3, quilómetro 1, na parroquia de Vilariño, en Cambados, á altura da saída de Corvillón.
O camión avanzaba en dirección a Vilagarcía e o turismo circulaba cara a Cambados. Por causas que se están a investigar pola Garda Civil de Tráfico, o turismo invadía o carril contrario meténdose debaixo do vehículo pesado, segundo indicaba o alcalde de Cambados, Samuel Lago.
Os Bombeiros tiveron que facer uso do material de excarceración para liberar as vítimas do interior do turismo.
Ambas vítimas son naturais de Vilagarcía de Arousa e a menor falecida tiña oito anos de idade e viaxaba cun elevador. A muller, de 42 anos, era nai de dúas fillas.
O condutor do camión cisterna resultou ileso.
A carga do camión non se viu afectada pero si se perdía combustible na estrada pero sen risco de verteduras de gravidade, segundo a información facilitada polo 112 Galicia e polo alcalde cambadés. Foi necesario que se subministrara escuma por todo o camión por parte dos efectivos de emerxencia para evitar que o combustible derramado prendera lume na maleza lindeira á estrada. Ao longo da xornada está a realizarse o traslado da carga a outra cisterna coa retirada posterior do vehículo.
Na intervención participaban Urxencias sanitarias de Galicia do 061, Bombeiros de Ribadumia, GES de Sanxenxo, axentes da Garda Civil de Tráfico, Policía Local de Cambados, servizo de Emerxencias de Cambados, Vilanova e Vilagarcía de Arousa e tamén era informado persoal do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Os primeiros en chegar foron os efectivos de Emerxencias de Cambados e axentes da Policía Local, que alertaron da gravidade da situación.
O accidente obrigou a cortar a estrada, desde as 10.00 ata as 18.20 horas, cando finalizaron os traballos de limpeza da VG-4.3.
Samuel Lago lamentaba o tráxico sinistro e indicaba que xa foran informados os familiares das vítimas minutos despois do desgraciado suceso. Tamén o goberno local de Vilagarcía de Arousa manifestou publicamente, a través dun comunicado, as súas condolencias á familia, veciños e amigos das dúas veciñas de Sobradelo, nai e filla, que perderon a vida de xeito tan tráxico.