Un cadro da pintora Patricia Piñeiro, imaxe das Festas do Carme 2024

Marín
20 de xuño 2024

Un candil que alumea o futuro e que protexe aos mariñeiros e a mirada dunha Virxe do Carme moi especial. Esa será a imaxe do cartel oficial das Festas do Carme de 2024, que foi presentado este xoves no Concello de Marín

Presentación da imaxe das Festas do Carme 2024
Presentación da imaxe das Festas do Carme 2024 / Concello de Marín

Un candil que aluma o futuro e que protexe aos mariñeiros e a mirada dunha Virxe do Carme moi especial. Esa será a imaxe do cartel oficial das Festas do Carme de 2024, que foi presentado este xoves no Concello de Marín.

Foi a propia autora, a pintora Patricia Piñeiro, xunto a Richard Pazos, de Céltica Arte e Cultura, e acompañada da alcaldesa María Ramallo e a edil de Festas, Marián Sanmartín, a que explicou o seu significado, cunha representación da virxe unida coa importancia do mar.

De feito a súa coroa aparece feita con elementos como cunchas e o seu manto son redes e algas.

"Ademais, a virxe leva na man un faroliño, que é unha áncora e leva grabado a base da farola de Marín, a carriola de Manuel Torres, que representa o centro histórico da vila, testemuña de todos os cambios e na que ademais aparecen os mariñeiros", sinalou Piñeiro.

A pintora asegurou ademais que foi un encargo moi emotivo porque "eu nacín na véspera do Carme, o que influíu moito en que esta Virxe teña un valor simbólico especial para min".

"Os mariñeiros son os verdadeiros heroes, moi por riba doutros nomes ou persoas que tenden a ter máis protagonismo ou repercusión", afirmou.

A pintura, que poderá verse en directo na Casa do Concello, ilustrará agora coa súa imaxe o cartel e a programación das festas.

Neste sentido a responsable dos festexos, Marián Sanmartín, avanzou que "nos próximos días xa poderemos ter dispoñible na web do Concello e pouco a pouco en papel, a programación completa e por días do verán".