Dende principios deste ano, os provedores do Concello de Pontevedra tardan máis en cobrar as súas facturas. Non se trata, en todo caso, dun atraso excesivo -unha media de quince días máis que no último trimestre de 2014-, pero suficiente para que dende o goberno municipal aseguren que intentarán poñer os medios necesarios para rebaixar esa cifra e manter os seus bos parámetros anteriores.
En concreto, no primeiro trimestre de 2015 pagáronse 6.152.134 euros en facturas. O período medio de pagamento situouse en 38,35 días, fronte aos 23,08 do trimestre anterior. Ademais, o Pazo saldou as súas débedas cos seus provedores en 18,66 días de media e o Instituto Municipal de Deportes tardou 32,73 días.
Este aumento da demora, segundo Raimundo González, débese a dous factores.
Por un lado un cambio normativo que amplía a 60 días o prazo de pagamento unha vez que a factura entra por rexistro nos concellos, fronte aos 30 días que había de marxe dende que a devandita factura era aprobada polo servizo correspondente. E por outro, pola posta en marcha da factura electrónica que, nos seus primeiros meses, provocou en todo o Concello un "proceso de adaptación".
XUNTA DE GOBERNO
Ademais, o voceiro do goberno municipal avanzou que este luns se prorrogou por un ano a xestión do CITA coa empresa Etnoga por valor de 26.716 euros. Tamén se aprobou o proxecto e contratación de traballos de mantemento en vías rurais, nos que se investirán 241.995 euros; e dunha serie de actuacións relacionadas coa mobilidade e a seguridade vial na N-541 no ámbito da igrexa de Mourente, valorados en 240.332 euros.