Un cartel de David Segade gaña o concurso para ser a imaxe da Feira Taurina de Pontevedra

Pontevedra
17 de xuño 2016

Este artista pontevedrés, residente en Cantabria, obtén por segundo ano consecutivo este premio organizado pola Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra.

Finalistas da edición do cartel da Feira Taurina de Pontevedra 2016
Finalistas da edición do cartel da Feira Taurina de Pontevedra 2016 / PontevedraViva

David Segade Cochón converteuse, por segundo ano consecutivo, no gañador do certame de carteis para a Feira Taurina das Festas da Peregrina deste verán de 2016.

O xurado, que contaba entre os seus integrantes coa presenza da xornalista Marisa Ciordia de PontevedraViva Radio, reuníase este xoves 16 e decidía que o traballo titulado 'Pontevedra por montera' obtivera o premio dotado con 500 euros e coa publicación do cartel para anunciar os festexos deste ano.

David Segade impúxose a outras tres obras finalistas presentadas por Mónica Regueira Luna baixo o título de 'Torero', a 'Morlaco', da pontevedresa Silvia González e a 'Negro como la noche', un cartel realizado por Concepción Expósito, unha artista natural de Pontevedra e residente en Cartaxena.

Nesta edición presentáronse 15 traballos, incrementándose os participantes respecto de 2015. O gañador, David Segade Cochón, é un autor natural de Pontevedra, que reside en Castro Urdiales, Cantabria.

Este concurso está organizado pola Coordinadora de Peñas Taurinas desde hai un ano co obxectivo de cambiar a imaxe da feira pontevedresa para ofrecer un deseño máis moderno. Desta forma, con estas obras de novos artistas téntase retirar o clásico cartel de tauromaquia co nome dos toureiros que participaban nos festexos.